fbpx
Desembarco en Catoira / SaramarsesCC0

Catoira acollerá este domingo unha das festas históricas máis importantes do país

Tempo de lectura: 4 min.

Unha das mais importantes festas históricas de Galicia é sen dúbida o Desembarco Viquingo de Catoira. Unha festa que lembra as incursións normandas ou viquingas na nosa costa durante os séculos IX e X, que ano tras ano, dende vai preto de sesenta, é lembrada ó pé das derrubadas Torres do Oeste, en Catoira. O primeiro domingo de agosto decenas de mozas e mozos chegan a bordo de barcos históricos coma o drakkar noruegués “Torres do Oeste”, e outros barcos de época, desembarcando ó pé da fortaleza para conquistala nunha intensa e festiva batalla. Despois celébrase a vitoria con abundante viño e comida antes de desprazarse de novo ata a vila de Catoira.

E é que As torres eran esa gran fortaleza que protexía a entrada no esteiro do Ulla e, polo tanto, a entrada por mar cara Compostela. Foron erguidas no século IX, de feito, para protexer á rica cidade apostólica das pillaxes destes pobos así como dos piratas sarracenos que viñan dende o sur. E é que as dúas torres formaban parte dun importante conxunto defensivo chamado Castellum Honesti, un verdadeiro bastión defensivo da costa que chegou a ser considerado como chave e selo de Galicia.

Dunha única dorna a unha festa con varios drakkars

A historia da festa en si remóntase ó ano 1959 cando o cura e poeta Faustino Rey Romero e o poeta catoirense Baldomero Isorna Casal, fundaron o Ateneo Ullán, un foro literario composto por intelectuais cunha rede de faladoiros nas que nacería a idea da festa. Daquela, nese ano 1961 decidiuse celebrar unha festa en lembranza do desembarco do rei Ulfo nas costas galegas. A primeira romaría celebraríase nese ano 1961 e so desembarcaba dende a súa dorna o propio rei ó pé das torres.

Torres do Oeste, en Catoira / Os Penoucos

Co paso do tempo a festa foise facendo moito maior e aínda que para os primeiros desembarcos se empregaban barcos de pesca ou areeiros disfrazados, logo se fixo unha réplica dunha embarcación tradicional viquinga e despois unha segunda, aumentando a afluencia de visitantes a esta festa ano tras ano. No ano 1965 formouse unha asociación para levala e no ano 1989 tivo que facerse cargo o propio Concello debido ás dimensións. No ano 1994 construíuse o primeiro drakkar e no ano 2008 o segundo, ambos froito do irmandamento coa localidade danesa de Frederikssund. Finalmente no ano 2002 a festa foi a segunda en ser declarada en Galicia Festa de Interese Turístico Internacional.

O ano do roadshow “Follow the Vikings”

E é que a festa foi crecendo e mudando de tal forma que a día de hoxe, ademais do propio desembarco feito ó primeiro domingo de agosto ó mediodía, toda a celebración do que é a romaría dura xa unha semana completa. Isto é sobre todo porque a festa, a pesares do seu aspecto, non ten nada de bárbaro senón que máis ben o seu carácter é todo o contrario, un fito verdadeiramente cultural. E é que o longo de toda esta semana, as actividades culturais, o teatro, a música, dramatizacións ou gastronomía están a encher a vila de Catoira.

Así o programa da Romaría Vikinga inclúe unha ampla programación cultural que se desenvolve durante a semana previa ao desembarco, e que conta con concertos, exposicións, presentacións de libros, charlas e competicións deportivas. As celebracións comezaron o pasado sábado 28 de xullo, coa II Feira Viquinga, con postos de artesanía na Alameda do Concello así como a representación de Midgard. A Creación na Avenida Eloy Domínguez, tanto o sábado como o domingo. Mais tamén con outras actividades como unha Andaina de Lendas, o espectáculo Código do mago Dani García ou actuacións musicais de diferentes bandas de música do concello e contorna.

Festa viquinga de Catoira, que recrea as loitas entre os viquingos e os galegos / turismo.gal

Mais o prato forte será este xoves e venres no que, como xa é tradición cada ano, se desenvolven importantes interpretacións teatrais. Este ano a gran novidade é o excepcional espectáculo Roadshow “Follow the Vikings”, un espectáculo itinerante internacional con dúas funcións, unha no día de hoxe e outra mañá, únicas funcións en España. Nela se narra a vida e a época do poeta guerreiro Egill Skallagrímsson nun rechamante espectáculo audiovisual que combina o teatro coa música e a danza. A entrada terá tan so o prezo de 2 euros, con venta anticipada na Biblioteca Municipal e na billeteira os días de función.

Mais, tras estes días, a fin de semana a festa chegará ó seu apoxeo. Haberá, como non podía ser doutro xeito, unha charla sobre viquingos titulada “Viquingos do norte” impartido polo arqueólogo Andreas Forsgren, este venres na sala Celso Emilio Ferreiro. O sábado haberá unha regata polo Ulla e varias actividades como música medieval, charlas ou espectáculos de acrobacia na Avenida de Eloy Domínguez, mentres pola noite se fará a Cea Vikinga e o espectáculo Noite de Luz no recinto das torres, así como actuacións musicais na praia fluvial de Catoira. Xa por fin o domingo a partires das 13:00 horas farase a coñecida dramatización nas torres nas que participarán máis de 200 figurantes.

Recreación dunha loita entre viquingos e cristiáns / forum libertas

Pode que che interese...