fbpx
Unha das estacións de petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

Como atraer visitantes ao Parque arqueolóxico de Campolameiro

Tempo de lectura: 2 min.

O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro leva a cabo durante o verán unha ampla programación de actividades para todos os públicos. O seu obxectivo é poñer en valor a súa área arqueolóxica, de 22 hectáreas. Trátase de dar a coñecer a arte rupestre galega na súa contorna paisaxística e ambiental, cun percorrido de tres quilómetros que permite conxugar o patrimonio cultural coa paisaxe.

Por iso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de lanzar un vídeo para difundir o parque e as actividades que nel se realizan. O PAAR de Campo Lameiro conta dun espazo expositivo, no que se explican as claves para entender os petróglifos de Galicia de xeito lúdico e didáctico. Na área arqueolóxica anexa pódense ver as principais temáticas presentes na arte rupestre galega. A recreación do poboado da Idade de Bronce é o terceiro piar do parque e permite entender a vida cotiá nesa época, levando aos visitantes nunha viaxe ao pasado.

Ademais, destacan as visitas libres e guiadas e os obradoiros e outras actividades facilitan a comprensión dos visitantes do modo de vida en Galicia hai 4.000 anos. A estas iniciativas súmanse no verán as visitas guiadas ao atardecer, á noite e teatralizadas.

Estes días

O sábado 18, ás 19:30 horas, ofrécese unha visita guiada moi especial, Atardecer no parque. A luz entre lusco e fusco é a mellor para observar os petróglifos do PAAR, por iso é o momento escollido para esta actividade que fai fincapé en elementos da arte rupestre presentes no parque que se atopan fóra do itinerario principal, como o petróglifo de Chan da Isca, ou o misterioso petróglifo de Pedra Furada. Aínda haberá outra oportunidade para asistir a esta actividade, o día 25 de agosto.

Os sábados e domingos deste mes celébranse obradoiros familiares para todos os visitantes que desexen complementar a súa visita ao parque aprendendo técnicas de cerámica, pintura, lume ou caza, entre outros, das persoas da Prehistoria. Máis información e inscricións na páxina do PAAR de Campo Lameiro: http://www.paar.es/?lang=gl.

Pode que che interese...