Ósos atopados nas excavacións do Castro de San Lourenzo / XdL

Estes son os ósos que permitirán coñecer a orixe da Ribeira Sacra

Primeiro foron os restos do famoso “Atilano”, exhumado o ano pasado e, desta volta, acaban de aparecer os restos dunha mandíbula e un cranio case completo. Uns achados feitos no marco da cuarta campaña de escavacións do castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, e que o alcalde da localidade non dubidou en asegurar que permitirán coñecer a orixe da Ribeira Sacra.

Ao longo deste verán, un equipo que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán –natural da parroquia de Cereixa onde se atopa o castro–, continuou cos traballos arqueolóxicos neste castro que ano tras ano está deparando novos descubrimentos. O último, a aparición de varias tumbas que contiñan restos humanos, “nalgúns casos moi ben conservados”.

Nunha das tumbas atopouse unha mandíbula, presumiblemente de muller, que conserva moitas pezas; así como un cranio completo. Uns novos restos que permitirán facer unha comparativa con ‘Atilano‘, o corpo exhumado o ano pasado.

Exhumacións no Castro San Lourenzo / Concello da Pobra do Brollón

Idade Media

Os restos achados nas diferentes campañas poden ofrecer importante información do modo de vida na zona nos séculos XI, XII e XIII. Por iso, o rexedor da localidade, Xosé Lois Maceda, non dubidou en asegurar que este novo achado axudará a “profundar nas orixes da Ribeira Sacra como paisaxe simbólica”.

A campaña deste ano, que contou con participantes dun campo de traballo internacional, rematará este venres. Con todo, as investigacións continuarán, xa que os restos óseos achados serán rexistrados e enviados a diferentes laboratorios e institucións de Galicia, País Vasco, Alemaña e Suecia para a súa investigación. Posteriormente, todo o material irá ás instalacións do castro de Viladonga, en Lugo, para a súa conservación.

O arqueólogo Xurxo Ayán xa está pensando na seguinte campaña. “Está a traballarse na procura de financiamento para unha nova campaña, e faranse as xestións oportunas para contar o próximo ano cun novo campo de traballo”, indicou o rexedor.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: