fbpx
Mosteiro de Carboeiro / foto AlmaCCBy Wikimedia

Lavado de cara urxente a unha xoia do medievo galego, o mosteiro de Carboeiro

Tempo de lectura: 2 min.

O mosteiro de Carboeiro é un dos monumentos medievais mais salientables de Galicia, tanto pola súa arquitectura como polas súas características de implantación no territorio. Un edificio que foi construído nun promontorio escarpado rodeado polo río Deza e ao carón do camiño que conducía a Merza e Santiago. E ese gran monumento relixioso será obxecto dunha fonda reforma.

En concreto, as accións incluídas no proxecto básico e de execución contemplan a limpeza e reparación da cuberta da igrexa, a limpeza das fachadas en xeral, a mellora das fiestras das torres para evitar a entrada de auga na cripta, a reparación e consolidación de muros en mal estado e a rehabilitación da cuberta da antiga casa monacal, na que tamén se solucionarán os problemas de humidade. A maiores, limparanse as pinturas da ábsida. O prazo de execución das obras, segundo fixa o proxecto, é de 4,5 meses.

As orixes do mosteiro remóntanse ao século X, sendo fundado polos condes de Deza, e desde 1931 ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de Monumento. A igrexa é de estilo románico con influencias góticas e clara relación coa arquitectura santiaguesa da época representada polo Mestre Mateo.

O conselleiro de Cultura no Mosteiro de Carboeiro / xunta.gal

O conselleiro de Cultura no Mosteiro de Carboeiro / xunta.gal

Bens do Camiño

Este proxecto de rehabilitación enmarcase no programa de actuacións destinado á conservación e posta en valor de inmobles declarados BIC vinculados coas rutas do Camiño de Santiago. Dentro dos informes realizados ao abeiro deste programa, o do mosteiro de Carboeiro mostrou a necesidade de realizar unha actuación de reparación e restauración do mesmo.

Foi o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o que anunciou este mércores un investimento superior aos 360.000 euros para acometer obras de restauración deste monasteiro. Para iso, a consellería asinará un convenio de colaboración cos propietarios do ben para poder licitar os traballos canto antes.

A maiores destas accións, a consellería asegura nun comunicado que “busca promover unha actuación integral no ben que teña continuidade no tempo”. “Para iso será preciso realizar un completo estudo sobre o seu estado de conservación, elaborando unha ampla diagnose e propoñendo as actuacións necesarias, así como a súa orde de prioridades e urxencia”, engade. En base a estes estudos, propoñerán outros máis específicos e unha ordenación de usos existentes, así como de novos usos, viables e compatibles cos valores do monumento.

Pode que che interese...