fbpx
Aduana do Ramal de Vilagarcía

Nova vida para a Aduana do Ramal de Vilagarcía, un dos escasos exemplos de arquitectura ecléctica en ladrillo de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O edificio da Aduana do Ramal de Vilagarcía terá por fin a súa necesaria rehabilitación. E é que a Deputación de Pontevedra confirmou financiar parte das obras do Centro Socio Comunitario que xa se atopa no edificio. O organismo provincial confirmou a concesión dunha axuda de 27.923 euros do total de 58.000 euros que precisa a obra. O resto será investido polo Concello que porén solicitará á Xunta unha subvención do xa que o centro alberga servizos da administración autonómica.

Trátase dun edificio especialmente singular incluído no Catálogo de Bens a Protexer do Concello. Pois a Aduana é un dos escasos exemplos en Galicia de arquitectura de ladrillo visto, algo moi popular noutras rexións pero case único no noso contexto. É ademais un edifico de estilo ecléctico dunha feitura extraordinaria, tanto na plástica das fachadas, combinando diferentes tipos de arco en ladrillo nos vans, liñas de imposta e pilastras, con panos brancos encalados, coma no tratamento volumétrico propio deste estilo de cambio de século.

Precisamente por iso, as obras proxectadas precisaron da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Serán varias obras de mantemento, conservación e rehabilitación do inmoble que está moi afectado pola humidade. Os traballos terán como finalidade acabar cos problemas de filtracións de auga do exterior e coas fugas das vellas instalacións de fontanería que están deteriorando o inmoble. O proxecto prevé restaurar a estragada carpintería exterior as varandas de forxa.

Unha reforma profunda para acabar cos problemas de humidade

Para acabar coas filtracións de auga procedentes do exterior e que teñen a súa orixe nas cornixas dos muros, instalarse unha protección de chapa de zinc que facilite a evacuación de augas cara fora. Tamén se levantará o pavimento das terrazas do ático que se atopan en bastante mal estado e nas que medra vexetación que obstrúe a desaugadoiro. Instalarase unha lámina impermeabilizante e arranxaranse as baixantes.

As humidades presentes nos tabiques interiores do edificio resolveranse localizando e arranxando osos puntos de fugas das vellas tubaxes de auga e calefacción que discorren empotrados nas paredes. Reporanse as paredes afectadas e substituiranse os falsos teitos en mal estado. Polo que respecta ao exterior do edificio, restaurarase a antiga carpintería de madeira do ático, así como as varandas de ferro de balcóns deste mesmo andar. As obras respectan por completo a estrutura, elementos e tipoloxía orixinaria do mesmo.

O edificio do Ramal é de titularidade municipal aínda que dende hai anos o Concello comparte o seu uso coa Consellería de Benestar da Xunta de Galicia que dispón no inmoble de diversos servizos de carácter social e para as persoas maiores. De feito o inmoble funciona como centro socio comunitario. Os traballos que proxecta levara acabo o Concello teñen como obxectivo frear o deterioro do inmoble e mellorar as condicións de uso das persoas que traballan ou acoden aos servizos que alí se prestan. A obra suporá tamén nova vida para un dos edificios máis singulares e de maior calidade plástica e volumétrica da capital do Salnés.

Pode que che interese...