fbpx
Mámoa arrasada en Friol / Xabier Moure

Novo atentado patrimonial: madeiristas arrasan cunha mámoa de 20 metros en Friol

Tempo de lectura: 2 min.

A pesar da sanción por unha falta grave que Patrimonio puxo recentemente pola destrución dunha mámoa no parque empresarial de Friol que vai dos 6.001 aos 150.000 euros (non nos dixeron a cuantía exacta nin o nome da persoa ou persoas sancionadas debido á Lei de Protección de Datos), vimos de asistir a outro atentado contra o patrimonio arqueolóxico.

Informados por unha persoa do concello, o investigador Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata a necrópole megalítica da Gándara de Espiñeira, na parroquia de Narla (Friol). Comprobamos que o túmulo número 2, catalogado co código GA27020158, de máis de 20 metros de diámetro e 1,50 de altura, sufriu gravísimos danos producidos por maquinaria pesada.

A metade da mámoa foi practicamente arrasada, ocasionándolle unha profunda gabia de máis de medio metro de profundidade e uns catro metros de ancho, levantando a terra do túmulo e as pedras da coiraza que o recubría, esparexéndoas polo sitio (os constructores das mámoas adoitaban recubir o túmulo con pequenas pedras para protexela, é o que se denomina como coiraza pétrea).

Na outra metade había varios piñeiros que foron cortados; co cazo da máquina escavaron o pé (nas raíces) para levantalos proximamente o que vai ocasionar a desfeita total. Todo indica que o que pretenden e facer desaparecer a mámoa. Tamén removeron o anel peristalítico que arrodeaba a mámoa (o anel peristalítico, unha especie de zócalo, está composto por pequenas pedras que rodeaban e encerraban o túmulo pola base).Xa se presentou a denuncia ante Patrimonio por este novo atentado.

Maquinaria pesada arrasou cunha mámoa en Friol mentres recollía madeira / Xabier Moure

Cumprir a Lei do Patrimonio Cultural

Unha vez máis temos que lamentar o pouco respecto polo noso patrimonio. Cremos que as destrucións se reducirían si as administracións competentes aplicaran, simplemente, o estipulado pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que, non nos cansamos de repetir, semella unha lei feita para non cumprirse.

Nouta orde de cousas, tamén en Friol, localizamos un grupo de petroglifos e unha mámoa sen catalogar preto do caserío de A Cabana, na parroquia de Carlín. E no Monte do Campo, aldea de Todón, parroquia de Narla, outra mámoa coñecida dende antigo polos veciños como Medorra do Francés sobre a que plantaron eucaliptos. Estes achados tamén llos comunicamos a Patrimonio para que os cataloguen aínda que visto o visto o catálogo de Bens Patrimoniais de Galicia é papel mollado sempre que non afecte, por exemplo, á catedral de Santiago.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...