Ponte de Santo Antonio, en Cerdedo, en estado de case abandono /

Outra das grandes pontes esquecidas de Galicia, a de Santo Antonio de Cerdedo

O día 5 de agosto, membros do colectivo Capitán Gosende fixemos unha inspección ocular da ponte de Santo Antonio e do seu resío (coordenadas.- X: 549.865; Y: 4.708.895). En 1745, o Padre Sarmiento aínda a denomina ponte de Cerdedo. Sobre o treito final do río do Castro, a ponte conduce o camiñante por un ramal da Verea Vella que, superado o corgueiro da Torrente, amece no núcleo de Cerdedo. A ponte de Cerdedo pasou a chamarse ponte de Santo Antonio cando, no século XIX, a capela dedicada ao santo portugués foi trasladada río arriba dende a súa primitiva localización, para acorrela das enchentes. O lugar, dotado de capela e cruceiro, designouse Santo Antonio e, por engádega, a ponte tamén se fixo cargo da advocación.

O conxunto (capela, ponte e lugar) que nós nomeamos Santo Antonio o pobo sempre o coñeceu por “San Antonio”. Outros prefiren dicir ou escribir Santo Antón, mais, aínda que en galego Antonio se di Antón, este santo non é o casamenteiro de Lisboa, senón o dos porcos.

Como xa expliquei nalgún dos Retrincos, a ponte de Santo Antonio tampouco é romana: Na Galiza, o adxectivo “romana” engádeselles  a moitas pontes. O pobo cualíficaas de romanas en atención á súa fábrica perdurábel, rexa arquitectura; soberbia cantaría que seguirá en pé cando a meirande parte das modernas estruturas esmorezan afectadas de aluminose. Ponte romana de Cerdedo, ponte romana de Pedre…; pontes románicas feitas ao romano xeito, enxeño de ponteiros medievais. Non vou facer máis sangue coa pandegada do “complejo romano de Cerdedo”, aínda vixente nalgún sinalador. Cadaquén que pande cos seus complexos.

A matogueira inza e medra nos arradores da ponte de Santo Antonio / Capitán Gosende

Rodríguez Fraíz, que foi quen de rillar as inscricións dos antepeitos, datouna no século XII. El mesmo informou que a ponte fora obxecto de reparacións ao longo das centurias posteriores. Ponte de dous ollos asimétricos. O arco mor e central, lixeiramente apuntado. Un tallamar en cada un dos paramentos. Plataforma en “lombo de mula”. Peitorís engastallados. No vértice do peitoril posterior ergueuse unha cruz. Deixamos no tinteiro o rico acervo mitolóxico que sen dúbida arrequece o valor material da edificación: ritual do bautismo prenatal ou enxembramento, esconxura do mal do aire, augas menciñeiras, a lenda do home troita…

Dende a estrada xeral, a panorámica de Santo Antonio é o emblema de Cerdedo por excelencia. Probabelmente, a paisaxe local máis fotografada. Aínda así, convén lembrar que, naquel territorio, hoxe por hoxe, en retratos non hai quen lle faga sombra a Portalén. Algún mérito terá Capitán Gosende de que se asocie a porta do Máis Alá con Cerdedo, localizándose o megálito no concello da Lama. Gustaríame saber canto rédito obteñen os hostaleiros locais da Montaña Máxica do Seixo e da súa Portalén, que viñeron así chovidiños do ceo. Para este asunto, non vale aquilo de “menos dá unha pedra”. Dende logo, o pai da criatura non ten culpa de que tras a visita ao Seixo, moitos excursionistas vaian tomar o refrixerio a Soutelo.

Os ameneiros medran na ponte de Santo Antonio / Capitán Gosende

A ponte de Santo Antonio está no “ollo da cara” de Cerdedo, de aí que o seu aspecto sexa, en aparencia, mellor ca o das pontes de Parada e Pedre, afastadas do tránsito da estrada nacional. Ende mal, o pack turístico “verea, ponte, capela e cruceiro” leva décadas afeado por tendidos eléctricos que chantaron os seus postes, paus e fíos no medio e medio da escena, perturbando a perspectiva, sexa cal sexa o tiro de cámara ou o punto de visión do observador.

Centrándonos no estado de saúde da ponte, cómpre indicar que as raíces da vexetación arbórea (ameneiros) volveron facerse coas regañas da cachotaría e coas xuntas dos antepeitos. Aínda liberado da puxa vagarosa e implacábel dos raiceiros, o peitoril, tomado peza a peza, presenta nalgúns puntos unha notábel falta de estabilidade, sendo alto o risco de desprendemento. Nos arredores da construción a matogueira tamén inza e medra sen atranco.

Así e todo, o máis preocupante da ponte de Santo Antonio é a existencia dunha gretada e inoperante arqueta de decantación de augas grises que, provenientes do casarío, se verten directamente ao leito do río. Na estiaxe o ludro empoza baixo a bóveda do aliviadoiro (o ollo pequeno). Non é a primeira vez que o colectivo Capitán Gosende denuncia a existencia desta anomalía na rede de sumidoiros de Cerdedo, sen obter de momento, satisfacción á nosa demanda por parte da autoridade.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: