fbpx

Queres coñecer que lle aportou o exército á ciencia galega?

Tempo de lectura: 2 min.

O legado científico das Forzas Armadas en Galicia e dos galegos pertencentes ás Forzas Armadas, ese é o título que leva a exposición do Liceo Casino de Pontevedra e que se inaugurou no día de onte. A exposición, organizada polo grupo de Historia da Ciencia da USC, ten por obxectivo amosar o legado científico das Forzas Armadas en Galicia e a relación de estas coa ciencia feita no noso país. A exposición que estará aberta ata o día XX, poderá visitarse tamén en setembro no Museo do Exército da Coruña, o pé da Fundación Luis Seoane e da Orde Terceira, e, a partires de outubro, no compostelán Colexio de Fonseca, no casco histórico.

A exposición O Legado científico das Forzas Armadas en Galicia e dos galegos pertencentes ás Forzas Armadas é o resultado da iniciativa promovida polo grupo de Historia da Ciencia da USC que coordina o catedrático de Astronomía José Ángel Docobo e do que tamén forman parte o profesor de Historia da Ciencia Fernando Ponte Hernando, o doutor desa área Iván Fernández Pérez, o experto en divulgación científica José Ramón González Romay e o investigador Pedro Pablo Campo Díaz. A exposición  é un proxecto que foi aprobado polo Ministerio de Defensa na última convocatoria de proxectos de Promoción da Cultura de Defensa 2018.

As contribucións feitas tanto dende o Exército como desde a Mariña española en ámbitos tan diversos como as Matemáticas, Astronomía, Química, Navegación, Mecánica, Veterinaria ou a Medicina forman un legado esquecido en non poucas ocasións que é o que se pretende recuperar na mostra. Neste mesmo senso, a exposición lembra institucións do pasado como a Academia de Gardas Marinas de Ferrol, a  Escola Naval Flotante, a ETEA, así como outras do presente como a Escola Naval Militar de Marín. Tamén se recollen nomes e  personaxes esquecidos polo gran público e que, segundo indican os membros do grupo de Historia da Ciencia da USC, é máis que necesario lembrar.

Problemas como a determinación da lonxitude en alta mar, os instrumentos náuticos ou os mapas topográficos son algúns dos temas que vertebran a exposición. Neste sentido as achegas de Juan de Nova, dos irmáns Gonzalo e Bartolomé García de Nodal, Pedro Sarmiento de Gamboa, Francisco de Seijas y Lobera ou de Francisco Antonio Mourelle de la Rúa son lembradas na mostra. Tamén se fai un percorrido pola Escola Naval Militar, o taller de Ferros, a Escola Naval Flotante ou polo Real Instituto de Observatorio da Armada. Tamén prestará atención aos mapas en España e á Comisión de Límites derivada do Tratado de San Idefonso. Outras figuras postas novamente de actualidade nos preto de medio cento de paneis que conforman a mostra serán Antonio Casares Gil, Mariano Gómez Ulla ou Juan Rof Codina, entre moitos outros.

As cartas de navegación ocupan un papel moi importante na exposición / foto VirginiiCC0

Pode que che interese...