A Ponte de Pedre, en Cerdedo, comesta pola vexetación e o abandono / Capitán Gosende

Unha ponte que fixo o pai do mestre Mateo, chea de lendas e tradicións, morre comesta polo abandono

En maio de 2013, membros do colectivo Capitán Gosende, fartos do desleixamento da administración, investiron unhas cantas xornadas na roza da matogueira, no alzado de varios tramos derrubados do peitoril da ponte e na colocación dun novo panel informativo no lugar. A reparación efectuada no antepeito aínda resiste, porén, o fraguizo, con folgos anovados, volveu conquistar a obra de cantaría e o arró. Unha semana despois de colocado o novo sinalador, o vandalismo cebouse coa nosa achega desinteresada. Lembremos que tamén de Pedre saíu a man negra que por catro veces estragou o monolito dedicado aos mártires da Ponte do Barco. Cando haxa posibilidade, restauraremos o panel; mentres tanto, reproducimos neste artigo a información que o acompañaba:

A Pontapedre é unha construción medieval que data, probabelmente, dos séculos XII ou XIII. Atribúeselle a súa edificación ao ponteiro Pedro de Pedre (ou Petrus Petri), egrexio canteiro quen o pobo considera proxenitor do mestre Mateo. A Pontapedre comunica as aldeas de Pedre e O Serrapio, salvando o curso do río Lérez que, corrente arriba, recibe a xenerosa achega do río de Quireza. No antigo −como ben o constatou o Padre Sarmento (1745)−, os peregrinos empregaban este vieiro, de feitura romana, para dirixirse a Compostela.

A Pontapedre foi escenario do suicidio da moza Rosa Neto (Rosiña de Pedre) que, acurralada polos franceses (21-3-1809), preferiu entregar a súa vida ás procelosas augas antes ca ser deshonrada pola soldadesca. Así mesmo, na ponte de Pedre, aínda que desposuída da cruz, se celebra o ritual do enxembramento (bautismo prenatal) e os camiñantes padecen as aduanadas do demo burleiro que adoito se manifesta transformado nun solícito cabalo.

O conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte e muíño) viuse vulnerado no ano 1986 (ou 1987). Ameazados os predios ribeiráns polo proxectado encoro de Dorna (Cotobade), o muíño de Sieiro (de catro moas) foi vendido e trasladado a Codeseda (A Estrada) en troco dunhas 300.000 pesetas”. 

O muíño de Sieiro, trasladado; a cruz da ponte, roubada; a cruz do camiño de cara ao Serrapio, roubada…; a Pontapedre é o escenario dun espolio recorrente.

Como xa quedou anotado para a posteridade nalgún dos Retrincos, a ponte de Pedre érguese encol de tres arcos, lixeiramente apuntados, de disímiles dimensións. A clave do arco mor afástase do leito uns 8 metros. A ponte gaña, arco a arco, dous metros de altura e tres metros de luz. Refórzase con dous tallamares (en contra da corrente) e dous contrafortes (na cara posterior).

Fenda nun contraforte da Ponte de Pedra, abandonada e chea de vexetación / Capitán Gosende

Denuncia

Capitán Gosende denuncia o deplorábel estado de conservación destoutro monumento. É dolorosamente incomprensíbel que os estrategas do Concello fusionado pretendan atraer o turisteo chantando equívocos indicadores acá e acolá, cando o obxecto que se pretende exhibir esmorece baixo a selva inclemente. O de “equívocos indicadores” xustifícase xa polo rótulo (a ponte de Pedre non é romana, senón medieval), xa por onde os foron fincar. O sinalador chantado na encrucillada do Serrapio manda os viaxeiros dereitiños cara a Campo Lameiro. Penoso.

Días pasados, membros de Capitán Gosende vivimos con vergoña e resignación os efectos deste manga por ombro. Cadrou que estando nós por alí o día 5 de agosto, deron coa ponte uns madrileños hospedados nunha casa rural de Cerdedo. Á vista da desfeita, aquela xente non disimulou o seu desgusto xa que, sendo como é reclamo turístico, agardaban poder retratarse a carón dunha ponte romana ou, cando menos, medieval ou, cando menos, en perfecto estado de revista. A ver se os alcaldes e a súa cohorte se decatan dunha vez de que aos turistas (ou a calquera que queira vir gastar un peso) só se lles pode enganar unha vez. Por culpa da desidia do Concello, xustos por pecadores, os de fora levan unha impresión errada deste pobo.

Cadrou así mesmo que, estando nós polo Serrapio o 15 de agosto, houbemos orientar uns vascos que, segundo nos contaron, meteran a quilometrada co obxectivo de visitar a ponte de Pedre e a aldea vella de Vichocuntín. Moito se abraiaron os nosos visitantes cando lles relatamos as peripecias de Capitán Gosende en prol da promoción cultural deste malfadado territorio. Agradécemoslles as mostras de agarimo e solidariedade. Prometémoslles ter paciencia, torres máis altas caeron.

A Ponte de Pedre, en Cerdedo, e atribuída ao mestre Pedro Pedre, suposto pai do mestre Mateo, está abandonada / Capitán Gosende

A vexetación que come a ponte

Na ponte de Pedre, a vexetación progresa imparábel por entre as regañas da cachotaría e do perpiaño. Un dos contrafortes presenta unha greta de tales dimensións que, de non lle acudir a tempo, seremos quen de constatar nestas páxinas o seu derrubamento. Por enésima vez, urxe consolidar o contraforte da ponte de Pedre.

O porvir dun concello non se garante mantendo contento o electorado pensionista (a inmensa maioría). Cómprelle a Cerdedo un proxecto político que asegure o relevo xeracional, que atraia e fixe poboación nova. Visto o fracaso agropecuario e industrial, o sector turístico albíscase como a única alternativa, porén, esta opción é incompatíbel cos reiterados brindes ao feísmo. Só por dignidade e amor propio debemos velar pola integridade da nosa herdanza patrimonial. Se a maiores, cos nosos recursos matamos unha fame, mellor que mellor.          

Tal como se levou a cabo, a desaparición do concello de Cerdedo foi un feito covarde e deshonroso. Agora ben, ocupar a alcaldía e ter que asumir por incompetencia ou descoñecemento a derriba de calquera das tres pontes medievais sería abondo para condenar calquera mandatario ao ostracismo.   

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: