fbpx
Pórtico da Gloria antes da restauración / foto Fundación Barrié

A Catedral de Santiago prevé recadar 4.750 euros ao día coas visitas ao Pórtico da Gloria

Tempo de lectura: 2 min.

10 euros. Ese é o prezo que terán que pagar os residentes en Galicia e os turistas por ver o Pórtico da Gloria a partir do 1 de decembro. Unha entrada que só será gratis para os ‘amigos da Catedral’ e, en determinados grupos, para peregrinos e composteláns. Un diñeiro que a Catedral di que destinará á conservación e mantemento do Pórtico, así como para a organización e funcionamento do programa de visitas.

A Catedral agarda volver atraer nomerosas visitas cun novo programa de 45 minutos de duración e guiadas por persoal do Museo para grupos dun máximo de 25 persoas. O obxectivo é que poidan ver o monumento un máximo de 475 persoas cada día co que a Catedral recadaría 4.750 euros ao día.

De feito, cada hora haberá un máximo de dúas visitas no mesmo horario que o Museo da Catedral, de novembro a marzo de 10,00 a 20,00 horas e de abril a outubro de 9,00 a 20,00 horas. Ademais, a diferenza do programa gratuíto, poderá reservarse con antelación.

O responsable da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, lembrou que a necesidade de cobrar estas visitas guiadas pasa por asegurar “o sostemento” do monumento co obxectivo de que non volva deteriorarse e cifrou en 200.000 euros o custe do seu mantemento. Ademais, mostrou aos medios de comunicación unha serie de tres fotografas, tomadas ao comezo do século XX, en 1992 e en 2008, nas que se podía ver a deterioración na policromía dunha figura para defender a necesidade de cobrar entrada e contrarestar a polémica causada polo anuncio do cobro de entradas.

Por outra banda, agás a xestión das visitas gratuítas ao pórtico a cargo de Turismo de Galicia, restauración do Pórtico “non tivo nin un euro” de axuda de administracións públicas, se non que se financiou coa achega da Fundación Barrié. Uns traballos que custaron 600.000 euros anuais.

Pode que che interese...