fbpx
Mazá galega lista para a produción de sidra / sidragallega.com

A historia oculta das mazás autóctonas… Un motor económico descoñecido en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Houbo un tempo no que a mazá era unha das froitas estrela na casa dos galegos. O de facer sidra non era unha cousa exclusiva de Asturias ou de Euskadi, nin algo moderno, coa chegada da famosa Maeloc, ou a artesana e ecolóxica Ribela. A sidra e a mazá galega veñen de vello.

Hai quen quere velas como elemento alimenticio prioritario na vida dos castros, pero isto non ten, polo de agora, unha comprobación científica efectiva. Pero si hai evidencias documentais do seu uso en época medieval. Tamén se teñen atopado algúns lagares que os investigadores identifican coa produción de sidra.

Con todo, o certo é que a tradición da maza e da sidra en Galicia ven de vello. En Guísamo, na antiga sede do centro de formación e experimentación agroforestal, existe unha colección de preto de medio cento de variedades autóctonas galegas, recollidas e seleccionadas nos anos 60, de mazás de sidra e de mesa.

Por que non sacarlle rendemento?

Unha riqueza agraria “que están á espera de que alguén con bo criterio se lembre da súa existencia e da renomeada sona que antano tiñan entre a poboación de dentro e de fora de Galiza”, segundo apunta o nacionalista Xosé Luís Rivas, ‘Mini’, que defende que a Xunta poña en marcha un plan experimental de cultivo en diversas áreas xeográficas de Galicia de variedades de mazás autóctonas para ver a viabilidade no seu cultivo e a súa introdución no mercado con selo de calidade e singularidade.

Mazá de peruco, autóctona de Galicia

De feito, o Goberno bipartito tivo proxectos para reintroducir dalgunhas destas variedades que contan con tódolos elementos necesarios para unha boa acollida como a presentación, aroma e sabores, para a súa introdución nos mercados.

Un bo mercado

E o certo é que a mazá galega ten tirón, tanto, que boa parte da súa produción vai para o mercado asturiano, escaso de materia prima. E Galicia produce infinitamente máis mazás que Asturias e Euskadi, os dous grandes mercados consumidores de sidra do estado. O seu cultivo, dependendo do patrón que se utilice, pode adaptarse a todo tipo de chans e exposicións. Non só tolera ben o frío no inverno, senón que ademais precísao para poder presentar ao ano seguinte unha boa colleita.

Por iso, a maceira está presente en practicamente toda a xeografía galega. Aclimatouse moi ben e existen, ademais, variedades autóctonas, como a Camoesa, a Coruñesa, Repinaldo, Morro de lebre… Pero tamén se dan as clásicas, Reineta, Tabardilla, Golden, as vermellas doces ou acedas tipo Granny Smith… Non será hora de recuperar ese outro ouro que Galicia ten escondido desde hai séculos?.

Pode que che interese...