fbpx
Camiños cementados e muro caído no castelo de Monterrei

A vista de dron: Así quedou o castelo de Monterrei tras a cementación dun camiño medieval

Tempo de lectura: 3 min.

O castelo e pazo de Monterrei é unha fortificación medieval, situada no concello de Monterrei. E a pesar de ser BIC, unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia e declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931, padeceu hai uns meses a cementación dun camiño medieval, denunciado xa en Europa, e a caída dun dos seus muros.

Neste voo de dron pódese apreciar perfectamente como quedou o castelo de Monterrei tras a reforma dese camiño, o muro caido e, tamén, son identificados todos os grandes elementos arquitectonicos e militares que caracerizan este impresionante ben.

O pazo-fortaleza estrutúrase en tres recintos murados levantados sobre unha alongada lomba. Nun deles está o Hospital de Peregrinos, construído en 1391. Trátase dun pequeno edificio de dous pavimentos, que foi obxecto de recentes obras de restauración, como tamén se pode observar no vídeo.

Situado no último recinto, a súa porta de acceso sitúase na Praza de Monterrei. Esta porta remata nun arco de volta perfecta e presenta os escudos dos condes. É ladeado por dúas torres cilíndricas, parcialmente conservadas, abertas con seteiras.

Unha antiga postal do castelo de Monterrei

A través desta porta accédese ao patio de armas, no que se conserva un pozo e un túnel que servía de alxibe, se ben a lenda conta que comunicaba o patio coa Atalaia. Durante as obras de restauración levadas a cabo nos últimos anos a entrada ao túnel foi tapiada. No lado oeste da muralla consérvanse uns grandes fornos de pedra.

Os elementos principais

No conxunto destaca a torre da homenaxe, construída no século XV, tamén coñecida como Torre de Don Sancho, levantada polo Conde na época dos Reis Católicos. Tamén o Pazo dos Condes, a Torre das Damas e a Igrexa de Santa María Gracia.

O Pazo dos Condes foi restaurado recentemente, e conserva en bo estado galerías e os seus patios. Foi levantado entre os séculos XV e XVII en estilo renacentista. Sitúase no lado dereito do patio de armas, e forma un conxunto harmónico coa Torre das Damas, de finais do século XIII ou comezos do XIV. A igrexa de Santa María Gracia foi erguida a finais do século XIII ou na primeira metade do século XIV en estilo románico oxival. Está unida ao complexo por medio do muro lateral sur da nave.

Finalmente, no conxunto destaca a atalaia, unha construción cuadrangular erguida no século XVII co obxecto de defender a acrópole desde este flanco. Actualmente está arruinada, aínda que Conserva parte dos altos muros e algunhas garitas.

Manifestación / foto Plataforma pola defensa do Castelo de Monterrei

Polémica

Tras a cementación dun camiño medieval que dá acceso ao Castelo de Monterrei realizaron numerosas protestas na comarca. Unha destas vías de acceso ao castelo, o Camiño Real, forma parte da Vía da Prata, unha calzada romana que atravesaba de sur a norte parte da Península Ibérica e que aínda a día de hoxe é a principal ruta do Camiño de Santiago dende o sur do Estado. De feito, a eurodeputada Lidia Senra levou este tema ao Parlamento Europeo.

Pode que che interese...