Imaxe da App da Máquina do Tempo do Consello da Cultura

Algunhas propostas para coidar o patrimonio cultural material e inmaterial de Santiago

Un podcast cultural sobre os cafés teatro de Compostela, un mapa sonoro da cidade, un percorrido fotográfico polos barrios ou pequenas pezas audiovisuais son algúns dos resultados do proxecto de innovación educativa ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que se presentaron este mércores na capital galega.

Coordinada polo profesor de Ciencias da Comunicación da USC Enrique Castelló, a iniciativa preséntase baixo o formato de Aprendizaxe Servizo (ApS), unha nova metodoloxía pedagóxica baseada nun modelo didáctico participativo, comprometido e crítico. Consiste nun aprendizaxe evolutiva e continua na que cada tema transcende as marxes da aula de maneira que o alumnado se converte en voluntario con capacidade para illar unha necesidade social ou problema no seu contorno inmediato e de contribuír á súa mellora a través da implementación dos contidos da materia.

Coincidindo coa conmemoración en 2018 do primeiro ano europeo do patrimonio cultural, nesta experiencia están implicados máis de 350 estudantes que actúan como voluntarios (coordinados polo Servizo de participación da USC); 14 docentes que imparten 11 materias en catro graos e un dobre grao das Facultades de Comunicación, Filoloxía e Informática, e máis dunha trintena de asociacións e entidades relacionadas coa xestión e uso do patrimonio.

Creatividade e innovación

“O obxectivo fundamental desta ApS apunta ao empoderamento cidadá na gobernanza participativa verbo do seu patrimonio material e inmaterial dende a creatividade e capacidade innovadora do noso alumnado”, explica Castelló. En concreto, de Ciencias da Comunicación saíron un podcast cultural ‘Ás 4 no bar’ centrado nos cafés teatro de Compostela, dous relatos promocionais sobre a cidade aplicando o modelo enunciativo de Roman Jakobson, un percorrido fotográfico polos barrios de Conxo e da Rocha Vella con especial atención ao Castelo da Rocha Forte ou a serie de pequenas pezas documentais ‘Compostela na súa xente’ que relata as vidas de actores sociais de Santiago.

En Filoloxía elaboraron un mapa sonoro da cidade coa percepción que de si mesmos tiñan os distintos barrios e que se integrou nun vídeo interactivo navegable e unha serie de pezas audiovisuais de entre 3 e 6 minutos de duración que reflicten a influenza do alumnado na vida local. Pola súa banda, o alumnado de informática propuxo unha aplicación web que facilita o acceso público aos contidos xerados e na que o elemento principal é un mapa da cidade no que se enlazan todos os contidos xeoreferenciados, con posibilidade de seguir incorporando contidos unha vez rematada a experiencia ApS a modo de rede social propia.

Proxecto premiado

Esta iniciativa ApS, que xa foi merecedora do Premio á Innovación da Consellaría de Sanidade pola súa contribución á doazón de sangue en Galicia, acadou ademais os selos de calidade do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte por delegación do Consello de Europa e o selo Talento Novo do Instituto de la Juventud.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: