fbpx
Esqueleto de Atilano, o símbolo do Castro de San Lourenzo e dos habitantes de Cereixa, na Pobra do Brollón / Equipo arqueolóxico do Castro de San Lourenzo

Atilano, o esqueleto medieval que é o símbolo dunha parroquia e dunha comunidade

Tempo de lectura: 6 min.

Xosé Gago é o responsable do proxecto turístico do Castro de San Lourenzo e un dos guías que este domingo percorrerán as parroquias de Chavaga, en Monforte, e Cereixa, na Pobra do Brollón, no roteiro organizado por Rutas de Galicia e que percorrerá o escenario da última gran batalla da guerrilla antifranquista e tamén un dos castros máis espectaculares escavados nos últimos anos. (As persoas interesadas aínda teñen ata este venres pola mañá para apuntarse AQUÍ). De todo isto fálanos nesta entrevista.

 

Polas terras irredentas de Lemos”, leva por título este roteiro que nos levará ao escenario da batalla de Repil. Tan irredentas son?

Hai certos episodios ao longo da Historia destas terras como o episodio dos Guímaros no que os veciños se enfrontan ao Conde de Lemos ou a figura de María Castaña que nos conectan con esta idea de terra irredenta. Se o trasladamos ao século XX, vemos como a Guerrilla nesta zona ten forza e, sobre todo, apoio popular; incluso no século XXI, o proxecto arqueolóxico que estamos a encetar ten un aquel irredento polo xeito no que se leva a cabo.O que vemos estudando a historia de Cereixa e A Pobra do Brollón é como as comunidades tradicionais galegas, son sociedades que desenvolven as súas estratexias de resistencia cultural.

Que pasou en Repil?

En Repil prodúcese unha importante batalla no ano 49 que marca o inicio da fin da Guerrilla. A través da arqueoloxía, as testemuñas e as fontes escritas, tratamos de reconstruír o que alí aconteceu aquel 20 de abril de 1949. Houbo tiros, houbo mortos, houbo épica e houbo supervivencia, entre moitas outras cousas. É interesante ver como un espazo doméstico, subitamente, convértese nun espazo bélico.Para coñecer os detalles de Repil, o mellor é achegarse á visita do próximo domingo

Si, claro, así que animamos aos lectores a que se sumen a este interesante roteiro. Pero había moita actividade guerrilleira nesta comarca?

Pola influencia ferroviaria, Chavaga e Cereixa tiñan unha sociedade bastante ideoloxizada e en certo xeito organizada. Durante estes anos 40 é moi importante o papel da “guerrilla del llano”, a rede civil de apoio loxístico, de refuxios, etc que tiñan os guerrilleiros.Neste sentido cabe salientar como os guerrilleiros nesta área considerábanse en territorio “amigo”, non hai máis que pensar que o día anterior á Batalla de Repil, os guerrilleiros estaban na Festa de Chavaga.

Escavacións da casa onde tivo lugar a Batalla de Repil na que morreron catro guerrilleiros e tres veciños a mans da Garda Civil en 1949 / Xurxo Salgado

Houbo varias campañas arqueolóxicas na casa onde tivo lugar esa batalla. Que foi o máis significativo que atopáchedes?

Máis que un obxecto en si, eu salientaría o conxunto. O atopar os casquillos e restos da artillería de ambos bandos, o feito de poder situar arqueoloxicamente aos contendentes no espazo e ver como os obxectos permiten achegarnos á reconstrución duns feitos concretos nun momento moi concreto. Creo que iso é o máis significativo acadar comprender arqueolóxicamente un feito tan específico

Hai asociacións e mesmo algún partido político que critican este tipo de excavacións por sacar a luz algo que din “son cousas do pasado”. Que opinas ti disto?

En Repil traballamos os resultados arqueolóxicos in situ con visitas escolares, tanto de Secundaria como de Primaria. Para os pequenos foi unha experiencia moi interesante, coñecer que nun espazo tan próximo, tan semellante ao que puido ser o espazo doméstico dos seus avós produciuse unha batalla como a que ven nas películas. Ao día seguinte volvían ao cole con novos datos porque preguntaran na casa e as historias familiares, etc… Iso agora é posible, mais na nosa xeración sería imposible. Os pequenos ven con naturalidade que se lles leve a ver estes restos arqueolóxicos igual que se lles leve a ver o castro.Tamén traballamos Repil con público xeral como un elemento turístico máis do Concello e á nosa xeración e anteriores transmíteselle unha historia da guerra Civil que nunca lles fora contada.Quero dicir con todo isto, e contestando á túa pregunta, que temos que mirar cara diante e que a sociedade en xeral está máis madura do que pensamos para abordar este pasado traumático.

Que máis imos ver na Pobra do Brollón?

Para esta ruta, tivemos que escoller elementos próximos entre si para poder organizar a andaina, pasaremos pola primeira parrillada da provincia de Lugo, a igrexa de Cereixa, casas cun gran interese etnográfico pola súa arquitectura, casas con relevancia histórica tal e como acabamos de atopar nunha serie de documentos; coñeceremos lendas, coñeceremos a María Castaña, veciños do pasado e do presente, e por suposto, o Castro de San Lourenzo.Mais A Pobra do Brollón é un Concello inmenso e sobre todo variado. Temos Alta Montaña, Ribeira Sacra propiamente dita, Val de Lemos, paisaxes fluviais etc. Isto tradúcese tamén nunha arquitectura tradicional moi variada, zonas de construción en coio, outras en xisto e incluso en barro. Isto fai que existan moitos elementos que non imos visitar no roteiro pero que son de grandísimo interese para futuras visitas a estas terras.

Vista aérea do Castro de San Lourenzo, en Cereixa, Pobra do Brollón

Un dos atractivos máximos é o Castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa, do que case non se sabía nada ata hai tres anos, non?

Si, imos pola cuarta campaña de escavación  e o coñecemento que temos sobre o lugar cambiou substancialmente. Incluso algunhas das hipóteses de traballo iniciais teñen que ser revisadas á luz dos novos datos. Durante estas tres campañas levamos sorpresas moi agradables e elementos cos que a priori non contabamos e que se converteron no eixo da narrativa do castro…Ir a visitar un castro e que do que máis se fale sexa dunha necrópole medieval non deixa de ser curioso… pero non vou contar moito máis para animar á xente a que nos acompañe este domingo.

Que foi o máis relevante que se atopou nel?

Ten nome propio: Atilano. É o alcume que lle puxemos ao esqueleto perfectamente conservado que atopamos en decembro de 2017 na necrópole medieval. Atilano é significativo por moitos motivos: polo impacto mediático que tivo, polo que nos axuda a acadar financiamento, pola información científica que nos vai fornecendo coas súas análises, mais sobre todo é significativo a nivel da poética do proxecto. Atilano é o símbolo máis físico de como unha parroquia, unha comunidade inicia un proxecto arqueolóxico para buscar as súas orixes e acaba atopándose fronte a fronte cos seus devanceiros. A parroquia do presente, fronte ao espello da parroquia do pasado. Isto ten para min unha carga simbólica impresionante.

Xosé Gago, historiador e dinamizador cultural do patrimonio

Cambiou a excavación deste espazo a relación dos veciños de Cereixa? Como?

Como comentaba, o proxecto nace dos veciños, a través da Asociación de Veciños María Castaña. Eu penso que o que máis cambiou en pouco tempo é o consenso que hai en torno ao castro e a pertinencia da súa xestión e como con este proxecto se configurou o castro como un novo espazo comunitario. Recuperouse a romaría que se celebraba cada 10 de agosto en honor a San Lourenzo. En tres edicións vemos como esa romería recuperada consolidouse como unha das datas de referencia na parroquia e incluso no Concello. Ese día é moi significativo da arqueoloxía na que cremos e unha das experiencias máis emotivas a nivel profesional.

E xa para rematar… Que lle recomendas á xente que vai vir ao roteiro o domingo, ademais de disfrutar do concerto que hai na noite do sábado, por suposto?… E aos que non veñen?

Aos que veñen, pois efectivamente, que veñan o día anterior e desfruten do concerto, que hai zona de acampada ademais. Fóra do concerto, se veñen pola tarde igual teñen tempo de dar un pequeno paseo polas Adegas de Vilachá, ou simplemente de gozar dun refresco na área recreativa de Samugueiros. Aos que non veñen, que se van perder unha experiencia moi chula, un churrasco de primeira no Fogón e un día para pasalo ben… mais que fiquen atentos pois en breve sacaremos a programación municipal que incluirá moitas andainas e experiencias.

Pode que che interese...