fbpx
Estado de Santa María de Monfero, en Ares, antes da restauración / riasaltas.info

Como facer que un dos grandes mosteiros góticos de Galicia recupere o seu esplendor tras ser un cuartel militar

Tempo de lectura: 2 min.

Santa Catarina de Montefaro, en Ares, foi un fermoso convento de franciscanos fundado en 1392 por Fernán Pérez de Andrade e que gozou de grande prosperidade ata a súa exclaustración en 1835. Entón pasou a poder dos militares. De feito, o uso dos edificios como cuartel alterou os espazos orixinais do mosteiro.

Agora, unha intervención de Cultura busca devolver o convento ao seu antigo estado. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicaba hai uns días no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato de obras de acondicionamento do cabido para sala de interpretación do mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural na categoría de conxunto histórico. O orzamento para esta intervención ascende a máis de 107.564,33 euros e os traballos teñen un prazo de execución de tres meses. A obra foi adxudicada á empresa Obras Gallaecia,S.L.

Para iso, recuperarase a configuración orixinal do templo cun cabido previo á nave da igrexa. Realizaranse tamén traballos de conservación nos bens artísticos con máis valor do mosteiro, en concreto labores de protección das pinturas murais situadas na cara exterior dos muros cara o claustro, e traballos para frear o proceso de deterioro do retablo con problemas de ataque de termes.

Igrexia do mosteiro de Santa Catalina de Monfero, en Ares / xunta.gal

Así mesmo, crearase un espazo para a exposición das pezas escultóricas e arquitectónicas que formaron parte da construción gótica e actuarase sobre as propias pezas que se instalarán nesta sala. Tamén se resolverán os problemas de humidade na cuberta e nas carpinterías do coro da igrexa, e mellorarase a iluminación e a accesibilidade do templo.

A intervención inclúese no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dentro da medida Conservación dos mosteiros, conventos, abadías, igrexas e patrimonio eclesiástico galego do obxectivo operativo Conservar o patrimonio cultural galego.

Pode que che interese...