Castro de Castromao (Coeliobriga)
Castro de Castromao (Coeliobriga)

Coñece a historia de Coeliobriga, capital do pobo prerromano dos Coelerni que exportaba a súa propia cerámica aos confíns do mundo

Coeliobriga, capital do pobo prerromano dos Coelerni, aparece citado na Tábula Hospitalis. Un documento que dá conta do pacto asinado no ano 132 d.C. por este pobo cun prefecto romano e que demostra a gran importancia que este gran castro, coñecido actualmente como Castromao, tivo na antiga Gallaecia.

Por iso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acaba de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de zona arqueolóxica, un dos referentes para a investigación patrimonial galega como é o castro de Castromao, sito no concello ourensán de Celanova. Unha protección que era necesaria tendo en conta que este ben é un dos máis importantes de Galicia pola súa antigüedade e porque foi un exportador de cerámica galega ao resto do mundo.

A zona arqueolóxica presenta unha longa evolución dende comezos da Idade de Ferro ata a Época Galaico-Romana e documenta unha ocupación continua dende o século VII a.C. ao II/III d. C., que se prolonga a través da Idade Media ata a actualidade. Este espazo ilustra en consecuencia a evolución da sociedade, o poboamento e a paisaxe entre a Protohistoria e a Idade Media neste contexto xeográfico.

Casas de Coeliobriga (Castromao), capital do pobo prerromano dos Coelerni / Youtube.com

Castromao, da Idade de Ferro aos nosos días

A zona arqueolóxica de Castromao comprende un conxunto de bens de diferente natureza situados no cumio e as ladeiras do coto no que se localiza o castro de Castromao. Todos estes bens están relacionados espacial e cronoculturalmente co castro, de xeito que, en conxunto, configuran unha zona arqueolóxica na que os diferentes ámbitos ilustran a evolución e a dinámica de ocupación continuada dende a primeira Idade de Ferro até os nosos días.

A importancia histórica de Castromao vén avalada pola súa identificación como o oppidum de Coeliobriga, capital do pobo prerromano dos Coelerni, citado na Tábula Hospitalis atopada durante as escavacións de 1970 dirixidas por Xesús Ferro Couselo e Xaquín Lourenzo Fernández. Este documento dá conta do pacto asinado no ano 132 d.C. por este pobo cun prefecto romano. Este achado, xunto coa mención no Padrão dos Povos e outras referencias, xustifican que os investigadores identifiquen Castromao con Coelobriga, sendo a tábula, un documento arqueolóxico único e de singular relevancia histórica.

Situación do castro de Castromao / ramonrosita

Dende as primeiras mencións de Barros Sibelo, en 1875, pero en especial a partires dos anos 60 ata actualidade, Castromao foi obxecto de sucesivas intervencións arqueolóxicas, que incluíron ademais de escavacións, restauracións e consolidacións para a súa posta en valor. O interese científico dos materiais e a información proporcionada por estas actuacións xustifican que sexa un referente para investigación arqueolóxica galega.

Un dos xacementos máis ricos do noroeste

Unha das principais características que fan singular a Castromao é a cantidade, variedade e riqueza dos restos arqueolóxicos exhumados. Entre todos os materiais destaca a diversidade dos tipos cerámicos, de xeito que coexisten formas castrexas de produción propia coñecidas como tipo Castromao, que datan da segunda Idade de Ferro, xunto con outros elementos procedentes de centros exportadores do Imperio e Grecia (terra sigillata sudgálica, hispana, cerámica marmorata e común romana), así como elementos construtivos e decorativos (amarradoiras, fornos, columnas, trísceles, tellas e ladrillos), esculturas, muíños, moldes de fundición e sementes.

O seu carácter de centro produtor e de intercambio reflíctese na variedade dos materiais que testemuñan tanto o seu carácter na área comercial con vocación exportadora e importadora. Castromao ten revelado unha abundante presenza de materiais de luxo de procedencia mediterránea, así como de obxectos suntuarios como doas vítreas, fibelas, alfinetes, lingotes de ouro, moedas ou esculturas, polo que é considerado como un dos xacementos mais ricos do noroeste.

A declaración da zona arqueolóxica alcanza a totalidade dos vestixios e rexistros vinculados a área arqueolóxica de Castromao, incluíndo os bens inmobles, mobles, inmateriais e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie e o subsolo. E abrangue tamén un catálogo de elementos patrimoniais vinculados, entre os que destacan un petróglifo, hórreos, un cruceiro, as ruínas dunha capela situados no propio castro, unha área arqueolóxica potencial situada ao oeste, un epígrafe romano encaixado na casa reitoral de Castromao e un conxunto de elementos representativos da arquitectura popular dese núcleo.

Expediente

O ben gozará, namentres se xestione e resolva o devandito expediente, do réxime de protección que establece a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para os BIC’s. A maiores, e tal e como figura na resolución publicada hoxe no DOG, o expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.

Segundo os informes previos elaborados sobre o castro, este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro. A xustificación do valor cultural desta zona arqueolóxica fundaméntase na súa importancia histórica, o seu potencial científico e o carácter representativo deste como un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia. A resolución pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180907/AnuncioG0164-300818-0001_gl.html .

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: