Castro descuberto no Tabillón, en Navia de Suarna, polo colectivo Patrimonio dos Ancares / Xabier Moure

Descuberto un novo castro nos Ancares preto de 15 explotacións de ouro

Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de localizar un novo castro na comarca dos Ancares. Nesta ocasión foi no concello de Navia de Suarna, no lugar coñecido co evocador nome do Chao do Castro, en O Tabillón, na parroquia de Muñís.

De forma irregular, sitúase a 358 metros de altitude, sobre un promontorio de pizarra nun meandro que forma o río Rao pouco antes da súa desembocadura no río Navia. Polo norleste e oeste estaba defendido polas fortes pendentes cara os ríos Rao e Navia. O acceso tíñao polo sur.

Alvariza no Castro descuberto no Tabillón, en Navia de Suarna, polo colectivo Patrimonio dos Ancares / Xabier Moure

Alvariza no Castro descuberto no Tabillón, en Navia de Suarna, polo colectivo Patrimonio dos Ancares / Xabier Moure

Na parte superior apréciase claramente que o sito foi achairado, eliminando os afloramentos para adaptalo como asentamento. No único lugar polo que se podía acceder ao interior vese claramente un foxo escavado na rocha. En superficie vense numerosos anacos cerámicos, algúns pertencentes a recipientes de posible uso doméstico. Atópase en bo estado de conservación xa que, ao situarse nun sitio moi agreste, non foi utilizado para traballos agrícolas ou forestais.Dende a cima obsérvase unha impresionante panorámica sobre os montes circundantes e o río Navia.

Explotacins auríferas

Este castro estaba orientado, sen dúbida, cara a explotación mineira. Entre este asentamento e o castro, catalogado, de Vilarantón, situados só a unha distancia de dous quilómetros, documéntanse, nin máis nin menos, 15 explotacións auríferas de época romana.

Pezas cerámicas atopadas no Castro descuberto no Tabillón, en Navia de Suarna, polo colectivo Patrimonio dos Ancares / Xabier Moure

Pezas cerámicas atopadas no Castro descuberto no Tabillón, en Navia de Suarna, polo colectivo Patrimonio dos Ancares / Xabier Moure

Cómpre chamar a atención que, a pesar da súa abundancia, as explotacións mineiras de época romana existentes na comarca dos Ancares son practicamente descoñecidas. Para facernos unha idea da importancia que a zona tivo para os romanos na súa procura de recursos económicos, só no concello de Navia de Suarna documéntanse 50 explotacións auríferas, 47 nas inmediacións do río Navia. En Cervantes contabilizamos 55 da mesma época, 7 en Becerreá, 6 en Pedrafita do Cebreiro e 1 nas Nogais, esta última no límite con Pedrafita.

No castro consérvase unha alvariza (nos Ancares recibe o nome de cortín) duns 12 metros de diámetro, unha rexa construción utilizada para protexer as colmeas dos depredadores. A alvariza, claro está, é moi posterior ao castro.

O achado xa foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan a catalogalo e a incluílo no Inventario de bens patrimoniais de Galicia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: