fbpx
Pedra das Patudas de Santa Mariña, en Esteiro / Elixio Vieites

Esta é a Galicia das pedras que falan, as mouras que viven en covas e os santos que durmen nas rochas

Tempo de lectura: 7 min.

“Covas da moura”,  pedra que fala”, “fuso da moura”, pedras abaladoiras , portaléns ou pasadizos entre penedos que nos comunican co alén, pías naturais ou escavadas que levan nomes como “a pedra da auga”, “a pía da santa”, ou a “cama do santo”… Galicia está chea de pedras máxicas e cheas de lendas e ritos. E diso nos fala Elixio Vieites, un dos grandes divulgadores do patrimonio galego, colaborador do Historia de Galicia e impulsor de patrimoniogalego.net, nesta entrevista sobre a andaina que guiará este sábado dentro do proxecto Rutas de Historia. Os interesados aínda poden apuntarse aquí.

Nesta ruta as pedras son as protagonistas… Que imos ver?
Na ruta comezaremos nunha gran rocha a carón do mar, na praia de Parameán na ribeira do Maio, esta aldea é un dos lugares máis antigos da parroquia de Esteiro. Nesta rocha conta a lenda que Santa Mariña xurdiu do mar e deixou as súas pegadas na pedra. As “patudas” vense ben en marea baixa. Este mito recorda ao nacemento da deusa Venus (Afrodita) que xurdiu dunha cuncha de nácara. Sería este un proceso de cristianización dunha deusa do panteón romano. En Cortegada de Miño repítese esta mesma lenda, pero aquí a santa saiu das augas do río. A esta pedra de Paramén levábase en procesión á santa para pedir pola choiva en tempos de seca extrema e baixo o temor de perder as colleitas. Outro penedo polo que pasaremos, pero xa cerca do cume do Pedregal e a Pedra da Pía, unha enigmática rocha na que vemos unha pía que foi traballada ata acadar unha forma de “trono” ou asento e que podería ser coherente coa idea de ser considerado un antigo lugar de rituais. Está inzada de inscricións talladas que segundo as investigadores son de distintas épocas, e que van dende, coviñas, canles,cruces, letras, e cálices. Nun traballo que expoñen Mª Aurora Lestón e Milagros Torrado no num. 34 do Anuario Brigantino do ano 2011, considérase que : “poderíamonos atopar ante un caso singular da litolatría galega, un altar prehistórico sen alterar nos seus elementos esencias, nun lugar de paso cara a unha montaña de connotacións míticas “. Desgrazadamente non perviven tradicións asociadas a esta rocha. Xa no cumio do pedregal poderemos ter o pracer de divisar a ría de Noia Muros dende a mole granítica da Pedra do Cadro, a unha altitude de 365 m. Outras rochas con historia son as da fortaleza do Castelo da Laxe, un escarpado afloramento sobre a contorna que sirviu de atalaia de vixilancia para avisar cando se aproximaban dende o mar naves invasoras. A mesma orografía do pedregal e unha sinfonía pétrea de formas e cores segundo a luz que incida nelas.

E porque se lle chama o Pindo pequeno?
Eu chámolle o Pequeno Pindo porque a xeoloxía e natureza dos materias graníticos veñen aquí a ser froito na mesma actividade de levantamento da corteza terrestre que orixinou a montaña mítica que se deu en chamar o Olimpo Celta e que comezou fai 350 millóns de anos. As deformacións e erosións das rochas dan os mesmos resultados de formas nos penedos destes dous montes.

Elixio Vietes no Pedregal de Esteiro

Hai pedras que case falan e outras con formas humanas. Hai moita querencia en Galicia polas pedras, tanta, que mesmo hai moitas que son santuarios. Como se explica iso?
Galicia está inzada de pedras que están cheas de connotación rituas e lendarias, dende dólmenes, chamados moitas veces “covas da moura”, laxes con petróglifos que moitos levan o nome que ti dis “ pedra que fala”, pedrafitas con nome de “fuso da moura”, pedras abaladoiras , portaléns ou pasadizos entre penedos que nos comunican co alén, pías naturais ou escavadas que levan nomes como “a pedra da auga”, “a pía da santa”, ou a “cama do santo”. A maioría de capelas están a carón dalgún deste elementos que acabamos de nomear e case sempre , tamén, hai unha fonte de “augas santas”. Aínda que non poderíamos abarcar todo na mesma ruta, falaremos da presencia destas capelas moi próximas a nosa ruta. Dúas delas en illas que case imos alcanzar coa vista, nunha delas hai un castro, a illa de Santa Catalina, que tivo capela, a outra a illa da Creba na cal teño lido que había unha capela e habitaba  un ermitaño chamado Antonio. Outra, e que tampouco queda na ruta está moi cerca duns petróglifos e dun dolmen, recentemente descuberto e que aínda conserva esteos, algo moi pouco inusual nesta ría.

Supoño que Prisciliano tamén veu ese poder, non?
Polo que sabemos Prisciliano quería conxugar o panteismo co cristianismo. Do mesmo xeito que aconteceu co resto de cultos pagáns, o cristianismo adaptou o culto ás pedras á súa relixión. As celebracións das festividades antigas que tiñan que ver moitas delas cos solsticios, equinocios, cambios de ciclos das colleitas, fertilidade, protección do gando, etc, foron derivadas a un santo ou santa de tradición cristián. As pedras nesta nova etapa foron gravadas con cruces, que se poden ver aínda na actualidade ao lado de coviñas e distintos gravados dos petróglifos, nas pedrafitas, pedras de termo, e outras pedras rituais. No noso caso unha deidade protectora foi reconvertida en Santa Mariña, a mártir de Antioquía. Prisciliano tivo éxito en Gallaecia porque ao mellor estes ritos aínda estaban moi vivos na poboación. Martiño de Dumio encargouse de demonizar estos costumes alá polo século VI no seu libro De correctione rusticorum, no cal escribe . “Que é senón adoración do diaño o acender cirios ás pedras ás árbores, ás fontes, ou o observar as calendas ou as vulcanales, ou o adorar as mesas, poñer loureiro á entrada das casas , observar as pegadas dos pés, ou botar trigo e viño sobre un tronco en chamas, ou o pan e o viño nas fontes? Que é iso senón culto ao diaño?”

E hoxe mantense ese amor polas pedras, pola terra?
Dalgunha maneira o culto as pedras segue vivo, pensemos en algunhas coma a Pedra de Abalar da Virxe da Barca, (Muxía), A Pedra Dauga na parroquia de Escuadro (Silleda) cunha pía con auga, e que ao seu redor sempre está chea de exvotos, velas e flores. O Portalén do Monte Seixo (A lama), A Cama da Santa na Lanzada, relacionada co rito da fertilidade das nove ondas. As pedras abaladoiras rituais de Fisterra chamadas As pedras Santas, ao borde dun gran acantilado e cara ao solpor, que sendo de considerable tamaño móvense coas mans. E como non a Piouca da Santa, e a Pedra da Santa en Santa Mariña de Augas Santas de Allariz, que ten moito que ver coa nosa ruta e a mitificación da mártir.

Castelo de Esteiro

Ademais de pedras, tamén falarás de historia e de lendas… Podes anticiparnos algo?
Xa adiantamos a lenda de Santa Mariña, pero da parroquia veciña de Santo Estevo da Abelleria temos outra que nos dá conta do nacemento lendario da parroquia. Da Laxe Borrateira, ao oeste da Pedra da Pía, Santo Estebo apedreado polo xudeos deu un chimpo montado no seu cabalo e caeu onde hoxe se levanta a igrexa parroquial. Na pedra uns gravados recordan á anatomía do santo e a súa sangue. Pero esta pedra tamén era lugar de ritos que contaremos na ruta.

Outra das grandes atraccións desta andaina é a paisaxe. Que imos ver desde o Pedregal de Esteiro?
No roteiro a medida que imos subindo podemos ver case toda a ría, sobre todo a beira sur, divisaremos os cumes da serra do Barbanza e coa vista podemos chegar a ver o castro de Baroña. Cara ao oeste a desembocadura do río Rateira e aldea de Bornalle, moi ben conservada e que xunto coa veciña do Vilar albergan conxuntos de hórreos dignos dunha visita con calma. Cara ao leste e norte toda a contorna do Pedregal onde sobresae o Bico do Castelo Grande.

A ría de Muros-Noia semella que sempre estivo nun segundo nivel, a medio camiño entre as “rías altas e as rías baixas”, pero oculta grandes riquezas paisaxisticas e patrimoniais, non?
Noia e Muros son dúas vilas con cascos antigos medievias e con grande tradición mariñeira. Para unha visita apurada destacaría en Noia as espectaculares igrexas de San Martiño de Noia e Santa María a Nova, co seu cemiterio de laudas gremias. En Muros destacar toda o entramado da vila mariñeira e a antiga Colexiata de Santa María. En Outes a visita ao santuario do Santo Ourente e a Virxe do Rial, con ritos cristianizados como dos que falamos neste artigo. Neste Santuario está o San Campio, que coincide o día da romaxe coa nosa marcha, e a onde se ía a quitar “mal cativo”. Na contorna da praia de Broña hai unha ruta a carón da costa onde se poden apreciar fermosos recunchos da ría e antigos estaleiros de Ribeira, hoxe abandonados. Pero iso sería só o comezo.

Pedra da Pía Esteiro / Soledad Felloza

E, ademais do Pedregal, que outros elementos patrimoniais destacarias de Esteiro?
Eu de Esteiro, ademais das fermosas praias recomendaría unha visita as aldeas da Silvosa e Riomaior, por unha estrada que vai a carón do canle do río Maior, ou acercarse a parroquia de Tal a ver os antigos portos de Cabanas de pedra ciclópea e relacionados coa actividade dos fomentadores cataláns que crearon varias fábricas de conservas nesta ría.
Unha vez neste lugar, acercarse  ata a Illa de Santa Catalina, no que se situaba un castro, e ao seu carón na costa os restos dun muíño de vento á beira  do mar.

Algunha outra recomendación para o roteiro deste sábado?
As recomendación para ruta é levar ropa axeitada e bo calzado que se adapte a camiños empedrados, pois o camiño cara á pedra do Cadro é un carreiro estreito sobre penedos. Pola Pedra da Pía hai un anaco de camiño con forte pendente, pero doado de pasar. O resto da ruta é moi levadeiro.

Pode que che interese...