Participantes na andaina sobre a Batalla de Repil organizada por Rutas de Historia

Éxito das primeiras andainas de Rutas de Historia polo Val de Lemos

O val de Lemos foi o epicentro do turismo cultural e patrimonial de Galicia esta fin de semana grazas ao proxecto Rutas de Historia que levou a Sober, Monforte de Lemos e Pobra do Brollón a máis de 120 persoas de todos os recunchos de Galicia para coñecer a historia e o patrimonio de toda esta fermosa comarca.

Visitantes dos catro recunchos de Galicia participaron nas dúas andainas que se celebraron esta fin de semana dentro desta iniciativa histórico-cultural; “As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil” e “Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia”.

Parte do grupo da andaina polo Canón do Sil organizada por Rutas de Historia

Na primeira das rutas, que tivo lugar este sábado participaron case 70 persoas. A andaina, que comezou na Igrexa de San Vizenzo de Pinal, en Sober, percorreu o Agro das Mámoas, o Petróglifo do Preguiceiro, a Casa Grande de Veliños, a Igrexa de Lobios (románico tardío), o Souto de Lobios, a Capela da Raíña dos Anxos, oPetróglifos de Sampil (3 conxuntos), o Petróglifo do Val da Raña, os Cruceiros de Pinol, Santiorxo e Lobios e o Miradoiro de Santiorxo, no canón do Sil. O roteiro foi guiado por Paula Vázquez Verao, integrante do Colado do Vento.

Xa o domingo, tivo lugar unha nova andaina, desta volta, entre as parroquias de Chavaga, en Monforte, e Cereixa, na Pobra do Brollón. Nela participaron preto de medio cento de persoas que coñeceron os pormenores da batalla de Repil, na casa de Chavaga onde tivo lugar este enfrontamento entre guerrilleiros e Garda Civil en 1949. Este roteiro rematou no Castro de San Lourenzo onde se está a levar a cabo un proxecto de Arqueoloxía en Comunidade. O historiador Xosé Gago foi o guía nesta interesante visita.

Valorización da historia e do patrimonio

A recuperación do patrimonio oculto que atesoura Galicia é a base do proxecto Rutas de Historia que puxo en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas, delas, cinco na provincia de Lugo. A idea é fixar na poboación que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea. O seguinte roteiro será no Pedregal de Esteiro, en Muros (Podes apuntarte aquí).

Participantes en Rutas de Historia na Igrexa de Lobios

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

Andainas

Ademais das realizadas esta semana, Rutas de Galicia aínda ten previsto realizar outras cinco andainas máis: As Ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares, Camiñando pola Idade do Ferro na “carretera da República”, A ruta das pedras lendarias de Santa Mariña de Esteiro, Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia, A Galicia dos señores. Os segredos do Pazo de Oca e Na procura dos castros que naceron á beira do mar. Máis información en RdH.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: