fbpx
Illa de Sálvora, na ría da Arousa / xunta.gal

Mentres quads danan o illote do Areoso, chega a música á Arousa e a illa de Sálvora

Tempo de lectura: < 1 min.

A nova edición de Espazos Sonoros, o festival da Consellería de Cultura e Educación de músicas en espazos de interese cultural, dá comezo esta fin de semana cunha visita guiada á illa de Sálvora, que forma parte do arquipélago das Illas Atlánticas. Un evento que coincide coa toma hai uns días por parte de quads do Areoso, un illote de pouco máis de 200 metros de longo que conserva multitude de restos patrimoniais.

Sálvora, malia que deshabitado na actualidade, conserva restos do antigo poboado, así como do faro, ademais de especies endémicas que só se poden ver alí. Con todo, conta con máis protección e vixilancia que a resta de illotes da Arousa.

A segunda parte da xornada de Espazos Sonoros levará os asistentes ao lugar de Temperán, no Grove. Alí visitarase unha antiga casa labrega do XVIII restaurada como centro de interpretación para o coñecemento da cultura do rural galego.

O patio da casa será o escenario para o concerto do grupo Marés. Fundado pola galega Patricia Cadaveira, saxofón, e o catalán Marcel Pascual, vibráfono, o grupo mestura músicas de influencias moi diversas, flamenco, jazz, fado ou canción de autor, con autores como Falla ou Granados, para ofrecer un programa que afonda as súas raíces musicais en Galicia e Cataluña. As prazas dispoñibles para esta primeira actividade do ciclo esgotáronse en poucas horas.

Pode que che interese...