fbpx
Mosaico romano que, supostamente, representa a Prisciliano

Na procura dos verdadeiros segredos de Prisciliano

Tempo de lectura: 2 min.

Prisciliano ten sido obxecto de numerosas lecturas dende o século XIX que o vinculaban aos antigos cultos precristiáns, como precursor da teoloxía da liberación ou do feminismo e sobre todo como un mártir do galeguismo, e mesmo se ten especulado co seu soterramento na catedral de Santiago de Compostela.

Fronte a esta enorme cantidade de relatos interesados e con frecuencia manipulados, os expertos coinciden en que se trata do “persoeiro da historia antiga de Hispania do cal temos máis e mellor información”, apunta o profesor Pedro López Barja de Quiroga.

Precisamente, para avanzar na súa figura esta semana ten lugar en Santiago o congreso ‘Prisciliano e Gallaecia: arqueoloxía e textos’ (Consello da Cultura Galega, desde mércores a venres) que pretende situar a Prisciliano e os seus seguidores e inimigos no contexto dunha Gallaecia tardorromana en pleno proceso de transformación, baixo a luz das últimas achegas científicas e a interdisciplinariedade.

Doutrina priscilianista

Deste xeito, o congreso estudará a doutrina priscilianista e o contexto da igrexa e o paganismo na Gallaecia da época, a economía da Gallaecia tardorromana e as últimas achegas á investigación sobre a época, unha das máis descoñecidas desde o punto de vista arqueolóxico de Galicia, por parte de novos investigadores que presentarán as últimas propostas derivadas de intervencións arqueolóxicas e investigacións dos últimos anos. Tamén se deterá na sociedade e na estrutura da Gallaecia tardorromana, unha época que hoxe se revela como máis dinámica e complexa do que se pensaba.  

O emperador Teodosio I / http://imperioromanodexaviervalderas.blogspot.com.es/

O congreso está organizado polo grupo de investigación da USC ‘Síncrisis: investigación en formas culturais’, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia baixo a coordinación do profesor Pedro López Barja de Quiroga.

O evento celebrarase no Consello da Cultura Galega e reunirá a 32 expertos de España, Italia, Alemaña e Francia co obxectivo de actualizar e profundar no coñecemento de Prisciliano, unha das figuras máis controvertidas da historia e dunha época ata o momento moi pouco coñecida alén das escasas fontes escritas: a Gallaecia da Antigüidade tardía, a cabalo entre o Imperio Romano e os inicios do reino suevo.

Exposición complementaria

Como actividade complementaria, os días 19 e 20 manterase aberta ao público a exposición titulada ‘Tempus Barbaricum: o Imperio e as Hispanias ao final da Antigüidade’ no segundo andar da facultade de Xeografía e Historia, de entrada libre.

Pode que che interese...