fbpx
O Monte Saint Michel, un dos grandes puntos turísticos entre Bretaña e Normandía / turistear.com

Por que non recuperar a histórica relación entre Galicia e a Bretaña a través dos museos do mar?

Tempo de lectura: 2 min.

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia presentan este martes a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) ante os representantes dos Museos Marítimos de Cornouaille (Francia). REMA é a primeira rede europea especializada en contidos de cultura e patrimonio mariñeiro do Atlántico europeo.

A rede REMA forma parte de Morada Atlántica, un proxecto de cooperación interterritorial e transnacional promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, onde se unen para promocionar o carácter mariñeiro do arco atlántico europeo. Por medio desta rede de museos pretendese crear e fortalecer lazos de unión entre os diferentes espazos divulgativos, fomentar o intercambio de coñecemento entre os mesmos e potenciar a súa riqueza cultural e patrimonial.

Na actualidade a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos está constituída por oito centros de interpretación de Galicia e un museo portugués, todos eles innegablemente vencellados á tradición e á cultura mariñeira das localidades onde se atopan: Arquivo da Pesca da Confraría de Caión, Museo do Mar de Laxe, Museo de Man de Camelle, Pozo do Cachón en Muros, Ecomuseo Forno do Forte de Malpica, Museo da Pesca de Fisterra, Fábrica de Sel de Muros, Museo Museo Marea de Porto do Son e o Museu Marítimo de Ílhavo.

Os técnicos galegos viaxan á Bretaña co obxectivo de convidar aos bretóns a sumarse á rede, explicándolles o obxectivos do proxecto, o protocolo de adhesión e as vantaxes desta rede que xa conta con oito exposicións galegas e un museo adherido en Portugal. A reunión xorde do interese dos franceses pola iniciativa, xa que o ano pasado coñeceron o proxecto na súa primeira fase.

A presentación ten lugar no marco dunha serie de citas na Bretaña aproveitando a visita dunha representación do GALP Ártabro Norte, coa súa presidenta, María José Crespo Fraga, ao fronte. Alí foron recibidos polos responsables do GALP Quimper Cornouaille Développement, con quen compartirán experiencias sobre o aproveitamento dos fondos europeos para o desenvolvemento do sector pesqueiro.

Pode que che interese...