A concelleira de Cultura e Xoán Carnero, “Perico” ante o petróglifo da serpe, redescuberto 80 anos despois / Concello da Ponteareas

Redescuberto en Ponteareas un impresionante petróglifo serpentiforme perdido dende hai 80 anos

Hai 80 anos, Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo, irmán de Xurxo Lorenzo, recolleron e divulgaron no Boletín 321-326 de 1957 da Real Academia Galega a observación de dúas serpes, unha maior e outra menor que, baixo o titulo de “Unha nova inscultura serpentiforme na citania de Troña”, facían alusión a outro artigo de Xaquín Lorenzo en 1945 sobre “Un petroglifo inédito de Troña”.

No primeiro artigo os propios autores indican que o novo petróglifo descuberto con forma de serpe é unha posible imitación feita tardiamente, apuntando como data máis antiga o ano do abandono do castro (século I d. C.), algo que resulta evidente pola profundidade do sulco. Incluso indican a técnica: “grabada a pico”, metálico moi probablemente.

Dito achado permaneceu no esquecemento e dado por desaparecido ata este pasado mes de agosto cando o estudoso e fotógrafo Xoán Carnero, “Perico”, deu con el tras ir analizar os restos dos incendios de outubro de 2017.  Non se atopa rexistrado nin catalogado tanto en Patrimonio como no propio Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), motivo polo que Bautista procederá a tramitación oportuna para a súa posta en valor dentro do conxunto do Castro de Troña.

Castro de Troña e capela das Pías, Ponteareas / Wikimedia

As Orixes

O Castro de Troña foi declarado Ben de Interese Cultural na categoría de monumento polo decreto 403/2009 do 22 de outubro. Nel tiveron lugar diversas intervencións arqueolóxicas durante case a totalidade do século XX. Iniciou estas intervencións Enrique Peinador Vela. Dun xeito máis científico interviron Florentino López Cuevillas e Luís Pericot desde 1927, ademais das investigacións de Xurxo Lorenzo. En 1964 voltou escavar Manuel Fernández Rodríguez e entre os anos 80 intervén Hidalgo Cuñarro, Rodríguez Puentes, Abad Gallego, Torres Bravo e Perles Fontao.

Tras as intervencións arqueolóxicas de Florentino López Cuevillas e Luís Pericot entre os anos 1927-1930 deuse a coñecer o petróglifo serpentiforme en pedra exenta, coñecido popularmente como a “o petróglifo da serpe” ao redor da cal existe unha lenda como é habitual na cultura popular galega. Preto desta aparecen unha serie de petróglifos soliformes. O novo achádego da “serpe reptante” redescuberto por Perico sumaríase a esta riqueza arqueolóxica.

Por este motivo, a Concellería de Cultura de Pontearas porase en contacto cos técnicos de patrimonio da Xunta para que estuden e inclúan estes novos achados no catalogo, así como determinar a súa cronoloxía aproximada. O concello, unha vez estudados os petróglifos, procederá a sinalizalos -os catalogados e os non catalogados- xa que na actualidade só se atopa sinalizado o petróglifo da serpe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: