Lanterna do faro de Oza na Coruña / foto Gaelx Wikimedica CCBy

A Coruña recupera outro antigo faro para reunións sociais e veciñais

No ano 1963 deixou de funcionar o faro de Oza. Eran novos tempos para a navegación e para o porto da cidade, e o antigo faro, que sinalaba o final do istmo, e que se edificara sobre unha das fortificacións renacentistas erguidas tras o ataque de Sir Francis Drake, perdera de seu a súa función. Dende aquela e ata o ano 1992 o faro estivo por completo abandonado. Foi nese ano no que foi declarado como Ben de Interese Cultural dentro do Conxunto Histórico-Artístico do Sanatorio Marítimo de Oza, Pavillón de Colonias e Praia do Lazareto.

Tras esta declaración, o conxunto tivo que agardar catro anos máis para a súa rehabilitación, pois non foi ata o ano 1996 cando se rehabilita o conxunto adaptando o antigo Sanatorio a Facultade de Enfermería, rehabilitando ó mesmo tempo a antiga sinal luminosa. Mais a diferencia do conxunto de pavillóns hospitalarios o faro seguiu dende aquela sen función e practicamente non abriu as súas portas ó longo de máis de 20 anos. Tras numerosas queixas políticas e veciñais, e tras o cambio de función en 2016 que recollía o Plan Xeral, o Faro de Oza da Coruña, situado ó pé do barrio dos Castros, foi finalmente aberto á cidadanía este pasado sábado día 6.

Faro de Oza na Coruña / foto turismo.gal

Foi exactamente 101 anos despois da súa construción. Así, finalmente, abríronse de novo as súas portas no marco dunha iniciativa do Concello para dotar á cidadanía de espazos singulares da urbe para uso público e gratuíto. E é que dende o pasado sábado día 6, o faro é o primeiro TEU da cidade, ou Espazo Aberto de Uso Cidadán da Coruña, unha iniciativa que, ademais de recuperar e dotar de uso ó monumento, pretende ofrecer a calquera cidadán que o solicite a posibilidade de empregar os seus espazos interiores.

O primeiro TEU da cidade

Os TEUS é unha iniciativa que ten “como obxectivo promover o mellor aproveitamento dos espazos públicos municipais, favorecendo usos compartidos dos mesmos, tanto por parte das entidades do tecido veciñal e social como para toda a cidadanía”. “A idea é que máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos públicos” como sinalaban a semana pasada dende o Concello. A partir de agora, calquera veciña ou veciño da Coruña, maior de idade e censada na cidade, así como entidade sen ánimo de lucro e colectivo informal, poderán solicitar facer uso do espazo do Faro de Oza.

Estas persoas e organismos poderán celebrar reunións, xuntanzas, actividades sociais e culturais, cursos de formación ou reunións de ámbito privado no interior das dúas salas de 30 e 40 metros cadrados respectivamente, equipadas con mesas e cadeiras do interior do monumento. A cesión do espazo é libre e gratuíto, mais a cambio os solicitantes deberán facerse responsables do seu coidado. O espazo poderá solicitarse a través do rexistro municipal, de forma presencial, ou a través da Sede Electrónica, e o espazo adxudicarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes no rexistro, sempre cun mínimo de 7 días de antelación. O horario de apertura está marcado de 09.00 a 22.00 horas.

Un faro centenario

E é que foi exactamente o 20 de agosto do ano 1917 cando o faro de Oza comeza a funcionar. Foi pola necesidade de guiar a entrada ó porto da Coruña que ata de aquela so iluminaban a Torre de Hércules e o Prioriño. Para garantir que os barcos entraran correctamente na ría tivo que construírse esta lanterna xunto co faro de Mera. A súa construción decidiuse no ano 1904 e adxudicouse no ano 1911, por unha cantidade dunhas 30.000 pesetas, estando rematado xa no ano 2015. A construción do dique de abrigo do porto no ano 1955 faríao daquela innecesario.

O faro responde á típica tipoloxía dos faros de finais do século XIX e comezos do XX, mais dun modesto tamaño. É unha obra de tipoloxía ecléctica que xunta dependencias e vivenda do fareiro coa propia lanterna nun único edificio. O estilo é especialmente sobrio, como corresponde ós edificios de enxeñería civil, con marcadas liñas de imposta e recercados nas fiestras en granito visto e panos encalados. Destaca especialmente pola plasticidade volumétrica das dúas súas dúas estancias separadas entres si pola torre da lanterna. A obra foi asignada ó enxeñeiro Salvador López Miño.

Faro de Oza na Coruña / foto turismo.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: