A noite máxica do Samaín e o calendario labrego
Defuntos, Todos os Santos, Halloween ou o Samaín. Esta festa sinalada celébrase entre a derradeira noite de outubro e o primeiro día de novembro. É nun momento no que os últimos calores do verán xa morreron definitivamente e o frío do inverno ábrese paso abruptamente. En Defuntos ou Samaín celébranse unha das máis máxicas noites do ano, tradicións cristiás e pagás que escollen xustamente esta madrugada de mediados do outono para recordar as ánimas dos que xa non están e axuntar os mundos dos mortos e dos vivos.
Para entender por que hai que ir ós inicios do Cristianismo, pois é no século IV cando se ten novas por primeira vez da celebración da festa de Todos os Mártires da Igrexa. Mais tarde no século VII o papa Bonifacio IV dedicoulle un panteón romano (templo a varios deuses ou pan theon) a todos os santos, é dicir a todos aqueles mártires ou homes de fe que o precederan. A data escollida para a celebración era o 13 de maio. Mais foi o papa Gregorio III quen, no ano 741, mudou a data ó 1 de novembro, adicándolle unha capela en San Pedro de Roma. A celebración coincidiu unha vez máis coa cristianización dun rito pagán nunha noite sinalada do ano precristián.
Aquela noite dos defuntos precristiá sería unha antiga celebración sinalada nun momento marcado do ciclo anual para algunhas culturas labregas ou gandeiras. Tal e como contábamos noutro artigo, moitas localidades de Galicia celebran o San Antón (17 de xaneiro) como a primeira festa do fin do inverno ou, no seu defecto, o entroido. Son as celebracións do primeiro cambio de inverno á primavera. Do mesmo xeito, Samaín ou Defuntos, era para a cultura precristiá tamén un cambio de ciclo entre o inverno e o verán. Así, Defuntos ou Halloween (All Hallow’s Eve) celebrase nun día equidistante entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno.
E é que existiron tradicionalmente tres métodos para marcar o cambio de estación e polo tanto o cambio de ciclo. Se ben existe un método astronómico marcado polos equinoccios e solsticios, que o cristianismo sacralizou tamén en celebracións como noiteboa ou San Xoán, para outras culturas, márcanse outras datas máis próximas ó verán ou ó inverno meteorolóxico, días de maior calor ou frío polo desfase estacional das temperaturas. Hai un terceiro método entremedio dos dous que é o chamado asiático/irlandés, que, seguindo os cambios meteorolóxicos, sinala os cambios de ciclo xusto o día de maior ou menor insolación.
Para as culturas celtas, tan apegadas a este día, a diferencia está moi clara, pois no calendario celta existían catro grandes celebracións que coincidían cos ciclos da lúa. Samaín, na primeira lúa de novembro, Imbolc, a primeira lúa de febreiro, Beltane, a primeira de maio, e Lughnasadh a primeira de agosto. Samaín e Beltane, sinalaban o comezo do inverno e o comezo do verán, e, polo tanto, para moitos esta noite é o comezo de ano das terras celtas, mentres que para outros sería o 1 de febreiro ou de agosto. Pois, como afirmaba o antropólogo escocés James George Frazer, Samaín é o momento do ano no que gando é levado ós pasteiros de inverno.
Segundo el os equinoccios e solsticios adaptábanse mellor ás datas relevantes para os agricultores, o que hoxe corresponde cos cambios de estación astronómicos, mentres o 1 de maio e o 1 de novembro eran datas moito máis propicias para fixar o cambio de estación para os pastores. Nas illas británicas, como culturas esencialmente gandeiras, os cambios de Samaín e de Beltane coincidirían moito mellor que os ciclos marcados polos solsticios, adaptándose dun xeito diferente o desfase do ano meteorolóxico. E que Samáin e Beltane, dannos tamén conta de que os ciclos para as culturas labregas non son tanto ciclos estacionais, nun sentido de estancia, senón que teñen máis que ver cos ciclos da vida e da morte, cando a vexetación e o gando comeza a crecer ou cando comeza a esmorecer.