fbpx
Imaxe das pinturas / foto Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo estudará unha das primeiras pinturas neolíticas descubertas en Galicia fora dun dolmen

Tempo de lectura: 3 min.

Nunha furna, nun abrigo de rocha, algo que non chega a ser de feito unha cova. Ese foi o lugar no que fai máis ou menos un ano un grupo de profesionais atopaba unha das máis singulares pinturas rupestres conservadas en Galicia, un achado, ata o momento, practicamente único. As pinturas, de tipo esquemático, e que poderían encadrarse no estilo neolítico da rexión bioclimática atlántica europea, semellan moito a outras atopadas en Galicia no período, máis coa salvedade de ser practicamente as primeiras atopadas fora dunha construción megalítica.

As pinturas serán estudadas por un equipo galaico-luso liderado pola Universidade de Vigo. O estudo está dirixido por Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat). No estudo participará tamén a Universidade de Coimbra, a través da corredactora do proxecto Lara Bacelar Alves, investigadora vinculada ao Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património desta Universidade, e dun amplo equipo de investigadores de ambas universidades.

Pegadas das primeiras sociedades agropastorís galegas

O abrigo con pintura rupestre prehistórica atopado o pasado 2017 localízase no Concello de Vilardevós, na provincia de Ourense, na zona do val do Támega, e está composto por pinturas vermellas sobre un penedo cuarcítico que configuran motivos esquemáticos pouco visibles a simple vista. Os motivos mellor conservados son dixitacións esquemáticas de cor vermella, máis aparecen tamén xunto con outras pinturas de aspecto diferente case imperceptibles. Un achado único, xa que, segundo os investigadores, é este o segundo sitio con pinturas de estilo esquemático que se descubre e escava en Galicia.

E é que, segundo apunta Beatriz Comendador na web da Universidade de Vigo, son pinturas que pertencen ó “denominado estilo esquemático, que poderían ser obra das primeiras sociedades agropastorís do Neolítico ou algo posteriores”. Se ben son das primeiras atopadas en Galicia a súa importancia radica en que se atopan na “fronteira natural entre a gran rexión bioclimática atlántica e a rexión bioclimática mediterránea, pola que preferentemente se expande a tradición de arte esquemática pintada en Europa Occidental”. Segundo a investigadora “é un reto moi importante estudar estas pinturas pois ofrécennos moitas posibilidades de investigar cousas que non se tiñan estudado ata o de agora”.

Imaxe das pinturas / foto Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), Universidade de Vigo

No proxecto de intervención arqueolóxica desenvolveranse diferentes traballos. Entre eles o estudo monográfico e rexistro do acervo de pinturas rupestres, xunto coa caracterización da colonización biolóxica da rocha, a caracterización dos compoñentes da pintura e a diagnose e valoración do seu estado de conservación. Tamén se tratará de determinar se existen ou non pegadas da ocupación vinculada co penedo e do momento relacionado co uso do abrigo pintado. Tratarase  de localizar posibles restos de industrias, de preparación de pigmentos ou de acción do lume, tanto no substrato como na parede do penedo, para o que se fará unha prospección xeomagnética do subsolo, sondaxes manuais e estudos da secuencia edáfica, tanto do lugar como da contorna.

Xornada de divulgación

Tamén, no marco desta intervención, mañá venres 5 de outubro, en colaboración coa Asociación Cultural Portas Abertas de Vilardevós, Beatriz Comendador e Lara Bacelar ofrecerán unha charla informativa, titulada Pintura rupestre na raia seca, na que presentarán os traballos e analizarán o tipo de pinturas do lugar e a súa problemática de conservación. A actividade, que terá lugar ás 20.30 h, será no Centro de Interpretación do Contrabando de Vilardevós. O estudo que durará un ano está financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e conta tamén co apoio e colaboración do Concello de Vilardevós e de diversas asociacións culturais da contorna.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...