fbpx
A canteira destruíu case completamente o castro da Trinidade ou castro de Flores, entre Mondoñedo e Lourenzá

A Xunta permitiu que se arrasara un castro en Lugo para favorecer a unha canteira

Tempo de lectura: 2 min.

Un novo atentado contra o patrimonio galego, e desta volta co beneplácito da Xunta en Lugo, estase comentendo contra o castro da Trinidade ou de Flores, que está situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá. Segundo informa Galicia Confidencial, Patrimonio quere deixar de protexer un castro polas actividades dunha canteira. Así o acredita un extenso informe de Mariña Patrimonio e Adega remitido á Fiscalía e no que que se recollen numerosas irregularidades de funcionarios do servizo de Patrimonio da Xunta nesta provincia.

Segundo esta denuncia, tanto o arqueólogo deste servizo, como a xefa do Servizo de Patrimonio de Lugo, terían realizado un informe no que propoñen deixar sen protección este castro que está prácticamente destruído pola actividade dunha canteira, Cantera Trinidad. Un informe que tería como fin validar as actividades desta canteira a pesar dos danos causados ao ben. E iso, en contra de informes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil que confirman os danos ao xacemento.

Así foise destruíndo o castro da Trinidade. Nesta imaxe cando aínda conservaba boa parte da croa

“Legalizar actuacións ilegais”

Segundo os informantes, a exclusión do xacemento fixérase de maneira irregular para beneficiar os propietarios da canteira, que seguen destruíndo o castro, así como para legalizar as actuacións ilegais realizadas ao longo dos anos sobre este xacemento protexido. “Estas actuacións ilegais tivemos noticia de que foran denunciadas no 2008 e no 2016”, indican na denuncia.

De feito, a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade ocasionou xa danos irreparables, e de forma xeralizada, nun ben patrimonial catalogado dende 1995. E iso, malia as denuncias realizadas no 2008, 2016 e 2017. Mariña Patrimonio e Adega denuncian que “o Servizo de Patrimonio de Lugo non actuou para evitar o avance da canteira, omitindo o seu deber de salvagardar o xacemento e de garantir a súa protección”.

“Despois de varios requirimentos desta institución para que Patrimonio nos fixese chegar a información que solicitamos, tivemos acceso a ela, aínda que sospeitamos que non se nos entregou toda a documentacion solicitada”, suliñan. Desde a Consellería de Cultura restan importancia ao informe de Patrimonio de Lugo e, aclaran, que ese castro está protexido. Podes ler toda a  reportaxe compelta en Galicia Confidencial

Pode que che interese...