fbpx
Indicador do Camiño de Inverno / noticiasvaldeorras.com

Adiviña canto vai gastar a Xunta no Xacobeo e en Patrimonio cultural o vindeiro ano

Tempo de lectura: 4 min.

Máis de 90 millóns de euros en 2019 para comezar coa posta en marcha do Xacobeo 21. Ese é o gran obxectivo da Xunta e da Consellería de Cultura e Turismo para o vindeiro ano coas partidas específicas para este obxectivo (30 millóns) e as destinadas a través de Turismo. De feito, estas partidas serán as máis altas deste departamento que terá 141 millóns para gastar o vindeiro ano. E deles, só 19 para o patrimonio cultural, 33 para a cultura e só 8 millóns para promocionar o galego.

Así o manifestou con motivo da súa comparecencia no Parlamento o conselleiro Román Rodríguez que destacou que o seu orzamento creceu un 6,2% con respecto ao que sumaban os departamentos de Cultura e de Turismo no pasado exercicio. Pero o gran obxectivo para o 2019 será o Xacobeo.

A idea de que o Xacobeo 21 é máis que unha cita dun ano concreto refórzase nestes próximos orzamentos. O vindeiro Ano Santo, en palabras de Román Rodríguez, “é un reto transversal e colectivo, non só para esta Consellería senón para toda a administración e para o conxunto da sociedade galega”. Por iso, Cultura e Turismo destinará preto de 30 millóns de euros en accións relacionadas coa posta en marcha do Xacobeo. E a a mior parte deste diñeiro será só para cuestións relacionadas coa mellora do distintos camiños a Santiago.

Todo enfocado cara o Xacobeo

Neste sentido, ademais da partida de 7,4 millóns de euros para a súa planificación directa (é a primeira vez que se recolle unha contía específica para o Xacobeo), hai que sumar os 12 millóns para a conservación, mantemento ou sinalización dos Camiños de Santiago, así como para a Rede de Albergues. Así mesmo, tamén se inclúe a previsión de case 8,5 millóns para a rehabilitación de bens de interese cultural dos Camiños, así como as diferentes actividades audiovisuais, museísticas e expositivas ao redor da Ruta Xacobea.

Así quedou un tramo do Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada tras unhas obras da propia Xunta / Foro do Camiño

Ademais, a Axencia Galega de Turismo contará cun orzamento de 64 millóns de euros para 2019, un 10,4% máis con respecto ao exercicio anterior. Ademais da partida de 7,4 millóns para lanzar as primeiras accións do Xacobeo -a convocatoria aberta de proxectos O teu xacobeo, a convocatoria de axudas para a conservación e restauración do patrimonio etnolóxico, ou a continuidade do festival O Son do Camiño-, a Axencia contará con 12 millóns para diferentes actividades relacionadas co Xacobeo e os Camiños.

Estas accións inclúen a conservación e mantemento da Ruta Xacobea, as transferencias á SA de Xestión do Plan Xacobeo, a mellora e sinalización dos Camiños (o 2019 estará dedicado á Vía da Prata), e o mantemento da Rede de Albergues, así como a construción dun novo en Vigo que mobilizará un investimento de 1 millón de euros.

Protección do patrimonio cultural

No caso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o gasto total ascende a 19 millóns. E, boa parte del, tamén irá para o Xacobeo e o Camiño. Así, ademais de acometer a rehabilitación dos BICs dos Camiños, este orzamento permitirá redactar os decretos de declaración dos BICs xa incoados, como é o caso de Cova Eirós ou da Carpintería de Ribeira; e continuar cos traballos das tres candidaturas galegas a Patrimonio Mundial: Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración. “Unhas candidaturas reais, colectivas e serias”, manifestou o conselleiro que non fixo alusión a ningún tipo de investigación arqueolóxica concreta.

Excavación no Castro de Armeá, que foi habitado no século I e II / Duvi

Política cultural de proximidade

Pola súa banda, a Dirección xeral de Políticas Culturais disporá de 33 millóns. Neste eido aumentará o importe do programa de accións de promoción cultural en preto dun 20%, así como o orzamento de actividades do CGAC. Así mesmo, e co fin de artellar unha política cultural de proximidade e que fomente a participación, tamén se incrementará o programa de colaboración cos concellos en materia de equipamento e de actividades culturais, con 3 millóns de euros.

No que respecta ao ámbito das bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais, a Xunta só destacou o aumento dun 125% da área de proxectos en materia de arquivos; ou o crecemento da subvención para a adquisición de fondos bibliotecarios (500.000 euros, un 16,5% máis). Tamén se desenvolverá unha nova iniciativa para bibliotecas itinerantes en concellos que carecen de servizo bibliotecario, cun investimento de 160.000 euros.

Lingua

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística disporá en 2019 de 8 millóns de euros, o que supón un 3% máis con respecto ao exercicio pasado. Esta subida permitirá reforzar o profesorado que imparte a ensinanza do Celga, as campañas de normalización e as actividades de formación, ou crear novos centros de estudos galegos: na Universidade de Santa Bárbara (EE.UU.) e en Turín.

Un dos principais retos é fomentar os afectos da mocidade cara o galego e, por iso, o vindeiro ano destinaranse 150.000 euros para o Plan de dinamización da lingua galega na xuventude. Tamén se investirán 50.000 nun plan piloto de socialización en galego durante 21 xornadas, destinado a nenos e nenas non galegofalantes.

Pode que che interese...