fbpx
Fonte dos Tornos / foto Asociación Para a Defensa do Patrimonio Cultual Galego - Instagram

Agresións a dúas fontes galegas nunha mesma fin de semana

Tempo de lectura: 2 min.

Subirse a unha fonte histórica e bailar enriba dela ou subirse a ela para sacar unha foto e colgala nas redes sociais. Estas son as tristes ocorrencias de varias persoas nas cidades de Lugo e Pontevedra ó longo da fin de semana. E é que as redes sociais foron estes días as testemuñas de excepción do vandalismo máis inconsciente nos dous cascos históricos de Galicia, dúas accións que non so puxeron en risco as dúas obras históricas senón que tamén, no caso de Lugo, provocáronlle ó surtidor novos danos materiais.

No caso da cidade do Miño, a vítima da agresión foi a fonte de San Vicente da praza do Campo. Foi durante a celebración do San Froilán, cando unha charanga estaba a tocar na mesma praza. Segundo se recolle no xornal El Progreso, un dos membros da charanga subiu ó antepeito da fonte para ser visto polo numeroso público que se xuntara no lugar e momentos máis tarde era imitado por dous espontáneos que non dubidaron en subir bailar ó alto da mesma mentres eran filmados por outros asistentes. A imprudencia causou novas fendas no monumento na parte mais estreita do seu toro, nunha fonte que xa fora danada vai menos de dous anos nunha situación semellante cando a figura de San Vicente acabou no chan.

O caso de Pontevedra, pola contra non foi baixo o balbordo dunha festa, senón unha imaxe que xa se está a converter en habitual, danar por ignorancia un monumento e subir as fotos á popular rede social Instagram. Tal e como se pode ver na rede, e como recolleu a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, trátase da fonte histórica dos Tornos, na Rúa Real de Pontevedra, na que unha rapaza trepa ó alto do monumento para despois quitar unha foto de pé no seu cumio, e mostralo como unha fazaña no muro da súa amiga na popular rede social. Neste caso descoñécense se hai danos no surtidor.

Pode que che interese...