fbpx
Catedral de Lugo / turismo.gal

Aparece unha inédita policromía barroca na capela do Ecce Homo da catedral de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Seis anxos entre cortinaxes, a ambos lados do fornelo no que se atopa a escultura do Ecce Homo da catedral de Lugo, unha pintura barroca, cos habituais querubíns rodeando o lugar no que se conserva a escultura. Este foi o último achado na catedral de Lugo, e supón unha nova achega ó rico programa de pinturas murais que a catedral lucense conserva entre os seus muros. A descuberta produciuse durante o proceso de desmontaxe do retablo que cubría o pano da capela con motivo da súa restauración, co que será o propio equipo de traballo dirixido pola lucense Vania López Arias o que se fará cargo de recuperar as pinturas murais.

O achado, componse dunha escena decorativa protagonizadas por seis anxos entre tremoias barrocas e permaneceron ocultas na catedral lucense detrás do retablo da capela ata as obras da súa restauración. Tras o descubrimento, levado a cabo fai un par de semanas, comezou a limpeza e recuperación das pinturas, que despois serán estudadas para determinar a súa data con maior exactitude así como o valor do conxunto pictórico e o seu encaixe no programa iconográfico xeral do templo.

E é que o o obxectivo inicial dos traballos era restaurar os panos coas escenas da paixón que conformaban os laterais do retablo da capela, rodeando o fornelo que acubilla a escultura de cristo portando a cruz. É o tradicional tema do “velaquí o home”, en alusión á natureza humana de cristo no momento da paixón, un tema moi repetido na época do barroco. Para a restauración desta parte do retablo cumpría á súa desmontaxe e ó sacalas pezas de madeira comezaron a aflorar as pinturas agochadas durante máis de dous séculos.

Pinturas murais da catedral de Lugo / foto Diócese de Lugo

Tras o achado decidiuse a retirada completa do retablo, a restauración e posta en valor das valiosas pinturas, estado no que se atopa neste momento a intervención. A obra implica a limpeza das pinturas, moi escurecidas polo po e o fume, e a retirada con bisturí dos restos de cal que aparecen sobre elas. Procederase a consolidalas, rexuntando as zonas que se podan desprender e empregando coláxenos naturais para evitar a unha futura colonización de fentos e microorganismos. Tamén, segundo a decisión dos técnicos, o retablo xa non volverá á súa posición orixinal, máis si serán colocadas as pezas na propia capela unha vez restauradas.

No tocante ó resto da capela, suponse que estaría tamén decorada con pinturas decorativas do mesmo momento, tanto na bóveda como noas paredes restantes. Mais. como ocorre en moitas ocasións, a luz, o fume e a humidade irían botando a perder as policromías, para nalgún momento do pasado século perderse de xeito definitivo ó espir a pedra. As atopadas, que rodean ó fornelo, perviviron neste caso grazas á propia presenza do retablo que as tapou, dando conta co seu descubrimento do aspecto que moi probablemente tería en tempos no seu conxunto a capela..

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...