Ponte do Arén, obra feita na II República, en Cerdedo, dentro do programa de Obras Públicas do goberno republicano / Capitán Gosende

As grandes obras públicas que se fixeron na República morren no esquencencemento

Capitán Gosende denuncia o estado de ruína e abandono das catro pontes que a Corporación republicana mandou construír na parroquia de Cerdedo.

Cando atravesamos unha ponte, os nosos pés salvan o atranco dun corpo de auga (río, regueiro ou regato), que molla ou alaga.

Até non hai tanto, o gando –xunguido ou non ao tiro ou á cabezalla– libraba pezuños e rodamentos da corrente mansa ou desbocada. Edificadas xacando, son obras duradeiras e mesmo perdurábeis. Peregrinos, mercadores, campesiños, xente de ida e volta aínda confiamos a nosa condición de espécimes enxoitos á boa e ben concertada arquitectura das antigas pontes, e mais das pontellas e poldras, as súas parentes.

De aventurármonos pola congostra de Parada, polo vieiro da Pontapedre ou pola Verea Vella de cara a Cerdedo, os nosos itinerarios fanse presente e, asemade, os nosos pasos se remontan ao medievo, e viaxamos no tempo e mais no espazo.

As pontes medievais de Cerdedo, das que xa demos conta aquí, acreditan que camiñamos por unha terra entrega e douta que hogano, por desgraza, cotelea no seu maino esmorecer. A ponte de Parada, a ponte de Pedre e a ponte de Santo Antonio, de barba centenaria, uniron lugares, estableceron rutas, acurtaron distancias; enxeños dunha época na que o mundo se descubría a pé ou de a cabalo.

Estado actual do taboleiro da ponte de Arén, construída na II República, en Cerdedo / Capitán Gosende

Se as pontes do Cerdedo medieval nos levaron a Compostela en andas de medio punto e bóvedas de canón, as pontes do Cerdedo republicano afianzaron o soño do progreso e da liberdade sobre taboleiro recto e faccións austeras.

As pontes cerdedenses volven acadar protagonismo nestas páxinas, porque, datadas na Idade Media ou na II República, todas sen excepción reclaman das autoridades –e nós erixímonos en voceiros– sinxelas intervencións que as poñan de novo a camiño; doadas obras de restauración que eviten o seu seguro esbarroamento e  a conseguinte desaparición, ou a súa substitución por eslamiadas estruturas de formigón.

Da tríade medieval ocupámonos ao longo do pasado verán. Arestora, argüindo os mesmos motivos e queixas, o colectivo Capitán Gosende esixe das autoridades a limpeza e consolidación da ponte de Arén (Arén), da ponte dos Portamuíños (Meilide-Cavenca), da ponte do Cervas (Lourido-Limeres) e da ponte do Laceiras (Vichocuntín-Limeres). As devanditas catro pontes e pontellas foron construídas durante a II República, presidindo a alcaldía o honorábel Antonio Sueiro Cadavide (Antonio do Lagharto): labrego, canteiro, carpinteiro, gaiteiro, emigrante e político. A noticia da súa construción publicouse no xornal El Pueblo Gallego (18-8-1933) e recolleuse no libro Así aprenderán a non ter ideas (2016, páx. 238).

Amais das enumeradas, sábese que a ponte sobre o regueiro de Portapazas, en Fondós (Quireza), tamén foi iniciativa da Corporación republicana. Cinco pontes en apenas uns meses de goberno municipal. Pola contra, os mandatarios actuais non son quen de pórlle o ramo á rotonda da entrada de Cerdedo, tan onerosa como innecesaria.  

Estado de abandono no que se atopa a ponte republicana do Cervas, en Cerdedo

As catro pontes da República padecen a perniciosa enfermidade do abandono (gretas, derruba parcial e asoballamento da matogueira), porén, malia o esquecemento, seguen arrostrando con elegancia e prodixio as vigorosas enchentes, nun territorio diminuído nas súas constantes vitais e afeado pola obra pública superflua, filla do cazo e da mordida.

A ponte de Arén é unha magnífica e monumental obra de cantaría en perpiaño. A súa construción principiou en xullo de 1933. Unía os lugares de Arén e Cernados, camiño da feira de Soutelo. Ergueuna a cuadrilla de Xosé Benito García (pai e fillos). Xosé Benito, músico e canteiro local, foi director dunha das bandas de música de Cerdedo. A ponte, de dous ollos, ergueuse sobre o río do Castro, afluente do Lérez. Taboleiro recto acompañado de peitorís, sostidos por dúas bóvedas rebaixadas cuxos extremos descansan encol de tres grosos piares de cabeza arredondada, un deles fundamentado no medio do leito fluvial. A densa fraguiza (silveiras e toxos) volveuna impracticábel. Nun dos perpiaños do antepeito anterior gravouse “La Corporación-1934”, ano da súa inauguración.

A ponte dos Portamuíños, sobre o río do Seixo, afluente do río do Castro, comunica os lugares de Meilide e Cavenca. Data a súa construción de xullo de 1933, concluíndose ese mesmo ano. Taboleiro recto de trabes de pedra independentes, reforzado con raís ferroviarios, sobre dous piares de cabeza arredondada que se alicerzan, ambos dous, no leito do río. Carecente de peitorís. De face á corrente, un dos piares presenta grave desprazamento de dúas das pezas de sostemento e perda de elementos sustentantes. Flanqueada por dous carballóns, a ponte é pasadeiro obrigado do Roteiro Sarmiento; daquela, precaución.

A ponte do Cervas, sobre o río do mesmo nome, afluente do Lérez, comunica os lugares de Lourido e Limeres. Tamén coñecida pola ponte do Lagharto (en memoria do alcalde que a fomentou), data a súa construción de xullo de 1933, rematándose ese mesmo ano. Taboleiro recto de trabes de pedra independentes sobre dous piares de cabeza en esporón que asentan na canle fluvial. Peitorís en ambos os dous lados do taboleiro. Facéndolle fronte á corrente, un dos piares presenta un desarranxo semellante ao da ponte dos Portamuíños, con perda e desprazamento de elementos sustentantes. Ponte asoballada pola vexetación (silveiras e toxos).

Estado actual da ponte do Laceiras, construída na II República en Cerdedo / Capitán Gosende

Finalmente, a pontella do Laceiras, sobre o regueiro do mesmo nome e afluente do Lérez, posibilitaba, dende Vichocuntín, o tránsito pola ancestral Verea Vella, até facer intersección co carreiro da Arnela (camiño de Limeres) e, este, con Santo Antonio e a súa ponte, na fondeira do val de Cerdedo. Pontigo de trabes de pedra independentes. Só conserva a liña do antepeito posterior. Nun dos cachotes do peitoril labrouse “1933”, ano do inicio da súa construción e remate. Recentemente, a circulación de maquinaria pesada provocou a crebadura dunha das trabes. Os anacos caeron ao leito do regueiro e alí empecen o fluír da corrente. Impunidade. A uns metros da ponticela, regueiro arriba, consérvase na madre unha pedra en forma de cuña que parte e reparte o caudal para a rega.

Coma sempre, as imaxes valen máis ca as palabras. Non hai peor cego ca o que non quere ver.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: