fbpx
Imaxe do dolmen de Dombate a noite do concerto de Carlos Núñez / foto Concello de Cabana

Así foi o verán máis animado do dolmen de Dombate

Tempo de lectura: 3 min.

Tal e como fomos contando no noso xornal, o dolmen de Dombate tivo este 2018 un dos veráns máis animados que se recordan. Foi grazas á colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños, lugar no que se atopa, así como gracias o empuxe de veciños e voluntarios que fixeron posible moitas das iniciativas que se levaron adiante para promocionar o importante monumento. Foi no programa Patrimonio Animado, que tivo por obxectivo era precisamente este dar a coñecer o importante monumento, amosar a arte, a cultura e os xeitos de vida de vai máis de 4.000 anos e concienciar á cidadanía da importancia de conservar o noso patrimonio e de inserilo nos usos e costumes da nosa sociedade.

Visitas guiadas nocturnas e teatralizadas

E é que despois do éxito do programa na primavera, no que as visitas escolares foron as protagonistas, superando ós máis de 6.000 visitantes en tan so dous meses, no verán as actividades de dinamización se caracterizaron pola súa intensidade e diversidade. Para iso o principal foi reforzar ó acceso ó monumento, pois dende comezos de xullo estableceuse unha nova xeira de visitas que incluíron diferentes modalidades. Entradas libres en horario estendido, visitas guiadas, visitas nocturnas e visitas teatralizadas foron as que achegaron a públicos de todos os gustos e necesidades o monumento.

E é que para visitar o dolmen houbo horarios estendidos todos os días da semana ó longo de 12 horas, dende as 9.00 da mañá ás 21.00 horas. Tamén as visitas guiadas estenderanse respecto dos horarios habituais ampliándose de luns a domingo de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00. Mais tamén houbo dúas novidades que encheron de maxia as visitas, pois este verán foi posible visitar o dolmen tanto en horario nocturno, de 23 a 0 horas, como de xeito recreado a través de visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns ata en dez ocasións nos días de xullo e agosto. Tamén se fixo unha xornada nocturna de observación da lúa o pasado 24 de agosto.

O Pai Sarmiento, Carlos Núñez e Kepa Junquera

Mais algunhas das grandes citas que encheron de maxia o dolmen foi coa presencia de grandes artistas e personaxes históricos. Pois mais alá das recreacións feitas polo grupo Os Quinquilláns, o dolmen contou nunha das súas xornadas nocturnas coa visita do pai Frei Martín Sarmiento, recreado por Antón Bouzas. Foi na mesma xornada de subida ó monte Castelo, o castelo ou curuto de Cándoas, dende o propio dolmen. Unha xornada que foi un auténtico éxito entre visitantes e veciños. Tamén foron un éxito, por público e por sensacións, as visitas de Carlos Núñez e Kepa Junquera, en concerto o primeiro e impartindo un máis que interesante taller de de percusión o segundo.

O máis soado foi o concerto do gaiteiro Carlos Núñez o pasado día 13 de agosto na explanada do dolmen. O gaiteiro vigués, o máis internacional dos gaiteiros galegos, actuou no dolmen dentro da súa xira Lugares Máxicos, no que o gaiteiro aproveitou varios monumentos de Galicia, como o claustro de Celanova, como marco dunha incomparable fusión entre músico tradicional e patrimonio cultural. Nesta ocasión, un mes antes da actuación as entradas para o concerto estiveron esgotadas, tal foi a expectación que causou no Concello de Cabana.

E non é para menos, xa que os momentos máis emocionantes da actuación se deron cando o propio gaiteiro tocou algúns dos seus máis coñecidos temas acompañado do grupo de música tradicional do concello Sons do Castro, con compoñentes de todas as idades.  Mais non foi o único, o outro gran pupilo de The Chieftains, o acordeonista vasco Kepa Junkera, tamén se deixou agarimar polas xentes de Cabana no dolmen. Foi o pasado 19 de agosto. Quenes se achegaron ó recinto do dolmen desfrutaron dun taller e de leccións de percusión impartido por un dos mellores músicos e percusionistas europeo.

Castro Animado e unha carreira popular

Mais non so o dolmen foi protagonista, senón que ó longo de todo o verán, e especialmente o pasado 28 de xullo, compoartiu protagonismo co outro gran monumento neolítico do concello, castro de Borneiro ou a Cibdá, que habitualmente comparten programas de visitas e guía turístico, Lito. O castro foi descuberto en 1924 por Isidro Parga Pondal, e escavado pouco tempo despois, dende aquela comparte protagonismo co dolmen. Como cada ano o Castro Animado é unha xornada lúdica e folclórica a xeito de festa histórica na que se recrea a vida no castro, se imparten talleres, e se representan escenas da vida naquel momento da nosa historia.

A última das actividades programadas de este verán foi unha carreira popular. Foi este o feche ó programa Patrimonio Animado que organizaron as dúas institucións. Foi a V Carreira Popular Dolmen de Dombate celebrada o pasado día 22 e na que partindo do megalito se percorreron un total de 10 quilómetros. A actividade, lonxe de ser unha actividade deportiva máis, demostra como as xentes deste concello da ría de Corme e Laxe, teñen xa incorporado o dolmen e seu rico patrimonio á súas xornadas máis lúdicas.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...