Detalle do mapa / Concello da Pobra do Caramiñal

Así se ve a historia da Pobra a través dun novidoso mapa ilustrado

Castros, pazos, petroglifos, fábricas, o porto, os seus barcos, os seus personaxes históricos e ata animais mariños. Así imaxinaron o ilustrador Juan Pablo Venditti, e os divulgadores José Carlos Vidal e Manuel Gago o a vila vista nos ollos do seu patrimonio arqueolóxico, histórico e cultural. A imaxe, plasmada nun mapa nomeado “Xentes e tempos na Pobra do Caramiñal” é unha escolma do patrimonio do concello, no que se fan convivir no mesmo espazo a vila, o seu patrimonio e as historias que ó redor del se desenvolveron.

O obxectivo é dar a coñecer á veciñanza e ós visitantes, a riqueza e diversidade do patrimonio histórico da Pobra do Caramiñal, así como estimular o seu coñecemento e coidado. O mapa, un A2 a dúas caras, foi presentado na xornada “A Pobra do Caramiñal no tempo” que o Concello celebrou o sábado 8 de setembro no Auditorio do Museo Valle-Inclán, e distribuído física e dixitalmente estes días de balde na biblioteca municipal e na Web do Concello.

No mapa pode atoparse patrimonio eclesiástico e civil como a Capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán, unha das obras máis importantes do plateresco galego, do último terzo do século XVI; o castelo do Deán, desaparecido tralo seu asalto polos Irmandiños; ou torres, conventos e prioratos, coma a de Xunqueiras, a de Bermúdez, o da Mercé, de comezos da Idade Moderna. Tamén patrimonio arqueolóxico coma os castros de Punta Ostreira e de Posmarcos, petroglifos como o da Pedra Leirada, megálitos coma a Necrópole dos Moldes, ou as tumbas antropomorfas do Pumadiño. Non falta tampouco patrimonio industrial ou contemporáneo, como a fábrica dos Areos ou a Fábrica da Luz, así coma o campo de concentración republicano que se localizou na vila durante a Guerra Civil. 

E é que, como afirma no seu blog Capítulo 0 o divulgador Manuel Gago, “queriamos amosar aos pobrenses o numeroso e diverso patrimonio do concello dunha maneira visualmente impactante e divertida”. Así, non so aparecen os propios monumentos senón tamén as lendas, os sucesos e os propios os pobrenses que participaron de forma activa na historia.”Buscabamos un mapa que insertara historias, sucesos que aconteceron nalgúns dos lugares representados; a idea deste mapa é que faga falar. Que un lle dea a volta e busque no reverso ese edificio ou ese xacemento arqueolóxico que non coñece”.

Detalle do mapa / Concello da Pobra do Caramiñal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: