fbpx
Unha moeda e un cravo romanos supostamente atopados en Cabana Vella, en Mondoñedo / XdM

Atopan unha moeda e un cravo nun suposto campamento romano en Mondoñedo

Tempo de lectura: 2 min.

Esta semana un grupo de veciños dicía ter atopado varios achados romanos en Sasdónigas, Mondoñedo, onde se ten proxectado construír un parque eólico. Trátase dunha moeda e un cravo que relacionan co xacemento da Cabana Vella, un recinto inventariado e incluído no PXOM de Mondoñedo como “castra aestiva” (asentamento romano de campaña) pero pendente aínda dun estudo arqueolóxico definitivo.

Segundo informa o Xornal da Mariña, as pezas localizáronse este xoves nos terreos afectados polo proxecto empresarial cando os veciños traballaban na delimitación dos lindes das súas parcelas. Durante a mañá levantouse acta notarial do achádego, ademais de comunicalo ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo.

A empresa nega existencia dun campamento romano

O parque eólico conta coa Declaración de utilidade pública desde o pasado 17 de setembro. En primeira instancia, segundo consta na Declaracion de Impacto Ambiental do 1 de agosto pasado, o departamento autonómico informou desfavorablemente alegando a necesidade de protección do xacemento da Cabana Vella, pero un informe presentado posteriormente pola empresa, que negaba a existencia dun xacemento ou campamento militar romano no recinto, mudou a postura da administración, que autorizou o proxecto eólico.

Estes achados veñen a poñer en cuestión os estudos da empresa e suporían a paralización das obras. O arqueólogo municipal non se quixo pronunciar ao respecto, mentres que En Marea considera que se deberían paralizar a construción do parque.

Fontes consultadas por HdG din que hai dúbidas sobre as pezas atopadas, xa que pola zona xa se pasara un detector de metais nas prospeccións anteriores sen atopar nada. Con todo, as pezas cadrarían coa datación dun suposto asentamento romano das coñecidas como Guerras Cántabras xa que a moeda sería da época de Tiberio, que foi emperador entre o ano 14 e o 37 da nosa era, e o cravo semella dos utilizados nos campamentos romanos. Patrimonio asegura que a moeda é romana, pero non se correspondería con ese suposto campamento.

Pode que che interese...