Pazo de Oca / Soledad Felloza

Como pasou Galicia da Idade Media á Idade Moderna na misteriosa e fascinante terra da Ulla

Dise sempre que Galicia é o país dos castros, con máis de 5.000. Pero non é tamén o país dos pazos?

Efectivamente, Galicia é tamén un país de pequenas residencias aristocráticas, moi asentadas no territorio e que son claves para entender moito da identidade e da cultura do país. Hai que ter en conta que a nobreza galega sempre foi moi fragmentada, do mesmo xeito que o propio territorio e a súa explotación. Isto construiu un universo sociodemográfico e cultural moi particular que acabou por moldear o propio territorio, como veremos no noso percorrido.

E como se foi configurando esa Galicia dos señores post-medievais, esa Galicia da Idade Moderna, que é a que case chegou aos nosos días?

Fundamentalmente, sabemos que boa parte desa Galicia fidalga, señorial e post-medieval comeza a configurarse a finais do século XV, avanza en gran medida no século XVI e vivirá a súa idade de ouro peculiar nos séculos XVII-XVIII. Son, sobre todo, administradores do patrimonio eclesiástico ou da grande nobreza, que os reis españois decidiron sacar de Galicia e mesturala coa de Castela, xa desde finais do século XV debido á súa conflitividade. Pero é tamén unha clase social que pretende lexitimarse máis alá desa época: constrúe espazos simbólicos e mesmo mitoloxías privadas para afirmar a súa antigüidade, e como xeito de lexitimar o seu dominio sobre o territorio e a súa preeminencia.

Para este roteiro interésame moito amosar precisamente esa relación entre o antigo réxime e o mundo medieval. Como vivían rodeados de ruinas do mundo pasado e as integraban no seu mundo de maneira máis ou menos consciente. Pero tamén imos estudar estas antigas casas nobiliares como sistemas de comunicación, como formas de transmitir valores e ideoloxía ao mundo que as rodeaba.

Ilustración da Torre da Barreira, na Estrada, ao carón do Ulla / tabeirosmontes.com

Porque supoño que o noso país tamén estaba inzado de señores, de baróns e de territorios propios na Idade Media, non?

Por suposto, Galicia era xa un país estruturado e definido ata o milímetro na Baixa Idade Media. E un gran número das comarcas, dos territorios, das parroquias que existían de aquela seguímolas atopándoas aínda hoxe. En relación á aristocracia, estaba por todas partes, combatía moito entre ela e exercía unha enorme presión sobre o campesiñado, a burguesía e a igrexa, practicando a extorsión e o abuso para manter o seu nivel de vida. Era unha sociedade asustada pola violencia estrema desta nobreza, pero tamén pola súa vixilancia continua a través de numerosas As fontes galegas son moi explícitas de como, ao final da Idade Media, a xente estaba absolutamente farta de toda esta xente, e por iso acabou reaccionando cun movemento tan relevante coma os Irmandiños. Precisamente, no roteiro poderemos apreciar de maneira moi intensa a presión feudal sobre o territorio e a súa violencia.

Precisamente falamos dos segredos do Pazo de Oca, porque ese pazo, non é máis que o resultado dunha rica sociedade feudal que había no Ulla. Que ocultaba na Idade Media esta rica comarca galega?

O pazo de Oca aséntase máis ben sobre un antigo territorio, a terra de Tabeirós, que pertencía ao principal señorío da época no reino de Galicia, o Arcebispado de Santiago. Pero en Oca xa imos ver o cambio daquel vello mundo medieval cara un novo réxime, e o xeito no que as liñaxes propietarias do pazo, unha nova nobreza do século XVI, teñen outro concepto do dominio sobre o territorio. Pero eu penso que non se pode entender Oca sen acudir a outro espazo moi descoñecido que está a menos dun quilómetro do pazo: unha das fortalezas máis impresionantes da súa época en Galicia, as Torres da Barreira, pertencentes á Mitra compostelana. Eran a cabeza xurisdiccional da terra de Tabeirós, e un importante espazo de poder hoxe moi descoñecido. Pero aí seguen, baixo terra, iso si.

O sorprendente é que nun espazo mínimo ao redor do río Bo e nas proximidades concéntranse un gran número de fortificacións medievais, algunhas catalogadas e outras inéditas, revelando unha presión sobre este pazo da que en gran medida descoñecemos as causas.

Manuel Gago nunha incursión arqueolóxica ao castelo de Luania / http://neixon.blogspot.com.es

E parte deste rico patrimonio é o que imos ver no roteiro deste sábado, non?

A verdade é que imos ver unha chea de cousas, e moi distintas, algunhas historias moi “grandes”, e outras moi “pequenas”. Será a inmersión nunha vella cultura campesiña, e coñeceremos historias de labregos, de cantantes, de mestres, de guerreiros, guerrilleiros e fidalgos; veremos a evolución destas terras de Oca, Riobó e Remesar desde a Idade do Ferro ata hoxe en día. Mergullarémonos na Guerra da Independencia, na Guerra Civil, na Revolta Irmandiña e mesmo na guerra de Cuba. E coñeceremos o enigma dun cadro un pouco misterioso e moitas máis cousas…

A zona tamén foi logo un foco de industrialización. Que queda de todo aquilo?

Pois imos visitar a que foi a Real Fábrica de Papel do Ulla, a segunda fábrica de papel de Galicia, moi vinculada á imprenta en Compostela, e moi pouco coñecida.

Que recomendacións lle fas á xente que veña a andaina?

Pois que veñan con gañas de pasalo ben, aprender e compartir, e tamén de andar con ritmo, porque imos ter os tempos moi medidos para poder ver cousas diferentes e fermosas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: