fbpx
Parte da Carretera da República, na Fonsagrada / Manuel Miranda

Coñece a historia da “Carretera da República”, a estrada perdida entre Galicia e Asturias

Tempo de lectura: 2 min.

Por Xosé Luís Martínez Acevedo

As estradas teñen a súa propia historia. Unha historia que depende da data da súa construción e do século no que foi proposta. E a historia da “Carretera de República” non ten datas, nin propostas, só esquecemento.

A historia desta estrada situada no concello da Fonsagrada na provincia de Lugo, comeza no século XIX co Plan de Estradas do Estado do ano 1864 no cal esta estrada a establecía como estrada de terceira orde de Lugo ao confín da provincia por Castroverde, A Fonsagrada e Ouviñano. Nos vindeiros anos proseguiuse na construción até a II República que a súa nova denominación sería “estrada local de A Fonsagrada a Oviñano”, co obxectivo de unir Galicia con Asturias.

Xa comezando o século XX o Plan de Estradas do Estado de 1914 incluiríase a construción da travesía da Fonsagrada e no ano 1934 a poxa da construción do treito A Fonsagrada a Oviñano que tería que ser construído en dezaoito meses e cun presuposto de 299.750 pesetas de entón segundo a Gaceta de Madrid, actual BOE.

No treito inacabado desta estrada coñecido como “carretera da Republica”, que transcorre próximo os ríos Lamas e Navia, deixou de ser construído co comezo da Guerra Civil e abandonado despois co proxecto da construción do embalse no río Navia que tiña previsto anegar unha boa parte do seu trazado. Desde entón, a estrada está esquencida no medio dunha das máis fermosas paraxes de Galicia.

Tramo da Carretera da República, na Fonsagrada / M. Miranda

A estrada hoxe

O que hoxe queda da “Carretera da República” parte ao carón da ponte sobre o río Lamas preto Vilabol de Suarna e remata próximo a ponte colgante de Río de Porcos en Ibias (Asturias), neste treito podemos ver un importante esforzo da construción desta estrada. Hai varios treitos que houbo que escavar na ladeira da montaña para facer o trazado ademais de construír os muros de contención, a drenaxe entre outros. Todo elo feito en pedra. Tamén hai varios metros no que non se construíu.

No seu percorrido actualmente pódese ver o trazado da estrada, curvas con certo peralte, amais dos estribos dunha ponte a medio construír para que o traxecto fora recto para favorecer o tránsito dos vehículos. Precisamente, boa parte deste trazado puido ser disfrutado polos participantes do roteiro “Camiñando pola Idade do Ferro na Carretera da República” do proxecto Rutas de Historia.

Pode que che interese...