fbpx
Reconstrucción dunha cidade asolagada, como puido ser a de Antioquía, na Lagoa de Antela / El Confidencial

Coñece a historia de Antioquía, a cidade asolagada pola gran Lagoa de Antela

Tempo de lectura: 5 min.

O que no seu día foi o segundo lago máis grande da Península, a Lagoa de Antela, da que xa falamos en HdG, acubillou seres fantásticos e máxicos; prodixios e perigos.  Alvaro Cunqueiro escribiu cando foi desecada da perda para a sociedade que significaba a desaparición da gran lámina de auga. Daquela, o escritor falaba de que rachaba un “Máxico Cristal”.

Este sábado, Miguel Losada, da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), guiará dentro do proxecto Rutas de Historia un interesante roteiro pola Limia, terra de monxes, cabaleiros e seres míticos, no que a Lagoa de Antela xogou un papel fundamental como o conxunto de torres que protexían toda a comarca. As persoas interesadas aínda teñen ata este xoves ás 14.00 horas para apuntarse aquí.

 

Torre da Pena, na comarca da Limia, ao pe do que no seu día foi a Lagoa de Antela

Desta volta o roteiro é pola Limia, a comarca que leva o nome do mítico río Lehtes. Que historia oculta toda esta zona?

A Historia da Limia conforma un relato, un discurso –por definición, iso é a historia-  de gran fondura e densidade de contidos. Pola súa posición xeográfica sobre o mapa do Noroeste e tamén polo feito de ter xurdido como unha consecuencia da existencia mesma da súa monumental lagoa, esta bisbarra atesoura un bo feixe de contidos de primeiro nivel, como son aqueles que o integran na tradición artúrica, a épica das Guerras napoleónicas ou a xénese mesma de Galicia e Portugal.

O río Lehtes que os romanos tamén chamaron río do esquecemento, por que?

Efectivamente, o mito do río de esquecemento aparece hoxe en día asociado ó devir histórico da bisbarra que leva o nome da Lagoa de Antela e, especialmente, do río Limia ó seu paso pola gran chaira ourensá. Houbo un tempo no que o prestixio dun ben de interese cultural derivaba, directamente, da súa proximidade co pasado clásico dos europeos. A mitoloxía grega ou romana eran o referente no que se miraban cidades e vilas por todo o continente, e en certa medida, ese mecanismo inda é un activo produtor de contidos e fonte de discurso. No caso antela, e mais aló da historicidade do feito de que o aventureiro Decimo Junio fose o primeiro gran persoeiro en vadea-lo límia á altura da actual Xinzo de Limia, resulta moi interesante que, por ese procedemento, todo este gran espazo xeo-histórico senlleiro pasase e facer parte dos contidos de “primeira división” que compartimos os europeos.

“Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia” é o suxerente nome desta andaina. Que poderá ver a xente que te acompañe?

Pois neste roteiro faremos un percorrido por unha das beiras mais senlleiras do gran espazo lacustre antelao. Dende o Mosteiro do bo Xesús de Trandeiras, e logo de visitar as súas ruínas, sairemos cara o Castelo da Portela de San Xoán, sobre as localidades de A Pena e Soutelo. Dende este gran espazo fortificado poderemos comentar a paisaxe circundante e facer visible de novo o magnífico escenario fronteirizo polo que nun tempo galoparon os Border Reivers medievais galegos, ou  os Xinetes de Rohan que ben houberan podido ser fonte de inspiración a J.R.R Tolkien. Polo medio teremos unha visita a un moi interesante e moi pouco coñecido espazo paleo cristián. Como compañeira de viaxe teremos todo o tempo á Lagoa de Antela e os seus habitantes; algúns fantásticos e outros moi reais…

Border reivers at Gilnockie Tower, from an original drawing by G. Cattermole."

Border reivers at Gilnockie Tower, from an original drawing by G. Cattermole.”

Precisamente, chama a atención cando se cruza a Limia pola Autovía a existencia de varias torre medievais. Supoño que iso tamén o contarás na ruta, pero que relación hai entre elas?

Si, dende a autovía podemos ver unha serie de estruturas fortificadas que constitúen a punta dun iceberg castrense cuxo contexto tentaremos degranar dende unha desas Torres, a de A Pena. Todas estas que vemos e outras forman parte tanto dunha serie de antigas estratexias de poder, como cunha paisaxe que nos fala de lexitimidade e construción social da realidade.

Era tan importante esta rexión no Medievo para fortificala dese xeito?

Indubidablemete. Toda esta parte de da antiga Galicia tiña unha importancia escepcional por vario motivos. Fortificala resultou de vital importancia para os intereses nobiliarios e reais. Comprender algo desa xénese resulta fundamental comprender a sociedade daquel tempo, non somentes para o caso da Limia senón que os acontecementos que aconteceron á sombra destas torres foron decisivos para a conformación dos reinos e estado peninsulares.

Na Limia tamén estaba a famosa lagoa de Antela, hoxe desecada e que no seu día foi a segunda máis grande do Estado. Que relación había entre as xentes da contorna e esta lagoa?

A relación ca lagoa foi sempre, coma hoxe, ambivalente. Dunha banda e durante milenios, todas as sociedades e comunidades que habitaron ás súas beiras fixeron dela un personaxe fundamental dentro do xiro da vida cotiá da comarca. Iso explica que a tradición quere que aquela lámina de auga acubillase seres antásticos e máxicos; prodixios e perigos.  Foi en parte aquela vinculación a que provocou en parte a teima en desecala que semella ter tido sempre o poder foráneo. Doutra, a lagoa tivo que soportar o sambenito de estorbo para “o progreso” , espazo insalubre e outros polo estilo. Foi o gran Cunqueiro quen escribiu un artigo no que falaba da perda para a sociedade que significaba a desaparición da gran lámina de auga. Daquela, o escritor falaba de que rachaba un “Máxico Cristal”, coma se dun espello prodixioso se tratara…

Supoño que tamén configurou a historia e as lendas da Limia. De feito dise que alí había unha cidade asulagada, non?

Por suposto, as lendas de cidades asolagadas, teñen un referente de primeira magnitude na presenza de Antioquía no solar do gran Lago do Beón, como se lle chamou tamén. Este mito, ademais, aparece configurado segundo un modelo narrativo moi constante por todo o continente, que o que fai é confirmar a importancia moito mais que local das tradicións asociadas a esta chaira lacustre.

E que lle recomendes á xente que acuda á andaina do sábado?

Eu recomendaría traer algo de roupa de abrigo, e unha prenda que protexa do tempo. A estas alturas do ano, en Galicia, iso é o prudente. Mais tamén recomendaría vir disposto a sermos cómplices do rexurdir da memoria da Lagoa e o seu mundo, vir co albo de marchar de volta como persoas transformadas en axentes culturais da cultura galega e os seus contidos. Facen do cada quen, cadansúa apropiación dun relato do que todos e todas somos propietarios naturais.  

Pode que che interese...