Detalle do stand de Traxandaina no San Froilán / foto Lugo Xornal

Empregan pinturas do século XX para inspirar traxes tradicionais

Escenas de casamentos, misas, mercados, romarías… sen dúbida encheron os traballos de dous grandes pintores de comezos do século pasado. Nas pinturas de ambos representábase a personaxes labregos e escenas populares como elementos de inspiración dunha plástica propia baseada nunha sociedade galega tradicional. Estes cadros non so forman parte da historia da pintura galega, senón que ademais, tal e como recentemente un grupo de artesáns de Lugo foi quen de ver, poden tamén ser un documento histórico de primeira clase.

E é que Traxandaina, unha empresa de artesanía de confección de traxes tradicionais creada en Lugo vai máis dun lustro, decidiu aproveitar o San Froilán para presentar as súas creacións documentadas nas pinturas dos dous grandes mestres da pintura galega rexionalista. Foi con este fin co que expuxeron dentro do seu stand na festa, reproducións de obras costumistas de Álvarez de Sotomayor ou Sobrino ó pe dos seus propios traxes. O obxectivo era sobre todo documental. Buscar no estilo dos pintores do momento a autenticidade dos vestidos de vai máis de cen anos.

Detalle do stand de Traxandaina no San Froilán / foto Lugo Xornal

Mais non é a primeira vez que o fan. Xa na primavera deste ano organizaran unha mostra na capela de Santa María da cidade, patrocinada polo Concello, na que, segundo a organización, acadaron arredor de 4.000 visitantes. E é que os integrantes de Traxandaina, como afirman na súa propia páxina web, levan anos de investigación, reprodución e recollida de vestimenta tradicional, desenrolando exposicións auspiciadas por institucións públicas, recadando premios e participando en charlas e publicacións.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: