fbpx
Estado de abandono do dolmen de Pedra Dereita, en Outeiro de Rei / Patrimonio dos Ancares

En total abandono e desprotección o dolmen de Pedra Dereita, un dos máis espectaculares de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Avisados pola veciña de Martul, dona Rita Castedo, os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure achegámonos o pasado día 24 de outubro de 2018 ata Martul, en Outeiro de Rei, para comprobar a existencia dun posible castro non catalogado situado en terreos da nosa informante. A toponimia existente no lugar, xa de por si, era moi suxerente: Agro do Castro, Carrilleiras do Castro, As Penas do Castro, A Casa do Castro e As Covas.

En efecto, a 500 metros de altitude puidemos constatar a existencia dun castro practicamente circular duns 70 metros de diámetro, coas murallas perfectamente visibles en todo o seu perímetro que nalgúns tramos alcanza os dous metros de altura, agás polo noroeste que desapareceron debido aos traballos agrícolas e forestais e pola construcción hai preto de vinte anos duns depósitos de auga. Polo leste vese o que foi un gran antecastro moi alterado pero onde aínda se aprecian á perfección os terrapléns que o delimitaban. Temos constancia da aparición dun muíño de pedra circular.

Muralla do castro atopado en Outeiro de Rei / Patrimonio dos Ancares

A zona estivo plantada con piñeiros, e na actualidade con eucaliptos o que contribuiu, debido aos movementos de terra para plantalos, á súa alteración.

Dolmen

Despois achegámonos ata o dolmen de Pedra Dereita, situado a uns 250 metros do castro. Conserva sete esteos, dous fóra da súa posición orixinal apoiados no túmulo de terra que recubría o dolmen. Tirada no chan está a enorme tampa de forma circular que o cubría. A pesar de tratarse dun dos enterramentos do período Neolítico máis espectaculares da provincia de Lugo, atópase nun estado total de abandono e desprotección. A maleza inúndao todo, e sobre a mámoa e o propio dolmen amontoaron restos de árbores e ramaxe cando hai anos talaron os piñeiros da zona. Agora plantaron eucaliptos, moitos sobre o túmulo, polo que xa nos diriximos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que nos informen si se solicitou o permiso correspondente, necesario cando se actúa na zona de protección dun xacemento arqueolóxico catalogado.

No concello de Outeiro de Rei hai catalogadas unhas 180 mámoas. O seu estado de conservación é de regular a malo. Temos coñecemento que ao longo dos anos foron destruídas máis de medio cento. Castros hai 23, e ao igual que as mámoas o seu estado de conservación é moi deficiente.

A descuberta do castro tamén llo comunicamos a Patrimonio.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...