fbpx
Casas do Castro de Santa María de Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Esta é a historia do castro que é un símbolo identitario dos Ancares

Tempo de lectura: 3 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes presentaron conxuntamente ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo a solicitude de incoación de expediente para que se declare como Ben de Interese Cultural (BIC) o castro de Santa María de Cervantes. Un castro peculiar e, nalgúns aspectos, único.

E o certo é que esta fortificación castrexa é un dos bens patrimoniais de maior valor histórico e patrimonial do concello de Cervantes, consolidándose como un dos símbolos de identidade do municipio e da propia comarca dos Ancares. Sobre o castro construíuse un cemiterio baixomedieval (apareceron 56 tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos), a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio e a casa reitoral.

Nos anos 1995, 1996 e 1999 realizáronse diversas intervencións arqueolóxicas parciais que sacaron á luz 26 vivendas de uso doméstico separadas por pequenas rúas, algunhas enlousadas, canles de desaugue, escaleiras, pequenas despensas de pedra, etc. Mesmo nunha das vivendas rexistrouse a existencia de dous pisos, o superior a modo de faio. Tamén apareceron muíños de man, moedas romanas, follas de coitelo, anacos cerámicos, machados e restos de cravos.

Cabanas do Castro de Santa María de Cervantes, para o que piden a declaración de BIC / Patrimonio dos Ancares

Habitado xa no 50 A.C.

Situado nun estreito val de montaña, nun pequeno saínte de ladeira orixinado polo río Quindous, tributario do Navia, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 A. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano.

A situación do castro de Santa María na cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, explica a súa existencia e a posterior ocupación en época romana, evidenciando a categoría económica do poboado. Nun radio inferior a un quilómetro atópanse varios sitios arqueolóxicos relacionados co castro, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento do Castrillón.

Segundo se recolle na Memoria da limpeza dos restos arqueolóxicos realizada no ano 2009, o castro de Santa María é de grande interese dende o punto de vista científico xa que pode achegar moitos datos sobre a investigación no período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano nunha zona, ata o de agora virxe, que podería servir de contraste e complemento a outros estudos realizados en zonas mineiras. Cómpre resaltar que apenas un 25% do castro foi escavado e estudado.

Igrexa sobre o castro de Santa María de Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Procedementos de protección

Nos últimos anos da década pasada, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural iniciara varios procedementos para a declaración com BIC de 19 castros ubicados en distintos puntos da xeografía galega, entre eles o de Santa María, expediente do que non se volveu a ter noticia.

Dos 140 castros existentes na comarca dos Ancares, o de Santa María é o único que foi parcialmente escavado e estudado. A súa declaración como BIC suporía un aliciente máis para o concello e a comarca, marcada nos últimos decenios por unha imparable despoboación. Ademais, o castro atópase dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, declarado no mes de outubro de 2006, un territorio onde se procura integrar a conservación dos recursos naturais e culturais e o desenvolvemento socioeconómico sostible da poboación. Conta coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación (ZEC), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo.

A presentación da proposta pola nosa parte foi comunicada ao Concello de Cervantes.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...