Graal do Cebreiro / Lourido

Galicia centro da novela histórica mundial: de Roma á procura do Santo Graal

O barón, Sir Walter Scott, coas súas novelas, a partires de finais da primeira década do 1800 popularizou o xénero histórico. Un xénero que tivo un enorme éxito mundial que chegaron a España e Galicia en forma de traducións. Entre estas Ramiro, Conde de Lucena (1823) que figura como a primeira novela histórica en lingua española e El Caballero Verde (1844) do escritor galego Benito Vicetto.

Este xénero literario move na actualidade millóns de lectores e moitas das súas obras serviron de base para numerosas películas históricas. Precisamente, para descubrir e coñecer aínda máis este fenómeno literario o Concello de Verín organiza a II Xornadas de Novela Histórica. Un evento que se celebrará o 29 e 30 de marzo do vindeiro ano e que está coordinador polo divulgador e colaborador de HdG Miguel Losada, secretario da SAGA.

A Sociedade Antropolóxica Galega volve colaborar coas II Xornadas de Novela Histórica da Biblioteca pública Municipal de Verín. Que move á vosa entidade a participar na organización deste evento?

Ben, na SAGA entendemos que Galicia e a súa cultura deben seguir presentes no miolo dos grandes debates e discursos contemporáneos. Entendemos que propiciar esta participación é un deber e unha oportunidade para que a Historia de Galicia sexa, tamén, un factor de impulso en tódolos sentidos.

Pensamos que para a cultura galega, resulta interesante ser fonte de inspiración no traballo de calquera persoa creadora. Os autores e autoras de novela histórica son actualmente un importante factor na competitividade entre produtos culturais; que vale o mesmo que dicir que son importantes de cara a darlle mais estrutura e complexidade á algo que eu definiría como a “capa externa” das culturas, aquela que lle permite relacionarse con outras. Cando a Literatura, a Música, a Tecnoloxía ou calquera outra manifestación “con maiúsculas” desenvolve produtos inspirados nos modelos e temas dunha cultura concreta, esta ten a oportunidade de inza e prosperar. É o equivalente do I+D pero aplicado á cultura. Se un gran músico colle un tema popular e tradicional e fai unha versión que o converte nun éxito de calidade e a meirande escala, o tema tradicional non ten porqué prexudicarse e a nova creación actualiza e espalla a importancia deste e da cultura que o creou. O mesmo ocorre ou pode acontecer ca literatura, o cinema e outras artes. Coido que calquera pode pensar exemplos desta realidade.

O alcalde de Verín presenta a algúns dos escritores de novela histórica que participaron na I xornada

Esta é a segunda vez que as organizades. Como foi a experiencia do ano pasado?

Pois dende o punto de vista da organización, o balance foi moi positivo. Puidemos cumprir o programa e contar con tódalas persoas que estaba previsto que interviñeran. Isto pode parecer elemental, pero non o é tanto xa que a antelación ca que compre, necesariamente, realizar as consultas de dispoñibilidade fan que poidan acontecer imprevistos. Dende outro punto de vista, tentamos que, cos medios dispoñibles, estas persoas se sintan o mais cómodas posible e que a experiencia lle achegue algo á súa bagaxe persoal; cando se trata de persoeiros tan destacados e destacadas nos seu ámbitos, sorprendelos gratamente non é doado. Ademais, a sala estivo chea durante as intervencións e calculamos que mais de 600 persoas asistiron en ás sesións. Nunha vila como Verín esta é unha cantidade importante. Mesmo houbo persoas que fixeron moitos quilómetros dende dentro e fora de Galicia para estar presentes. Por último tamén temos que avaliar o feito de que autores de grande repercusión e prestixio escollan esta proposta entre as moitas que reciben. Varios deles son ademais prestixiosos especialistas e todos e todas escritores con axendas complicadas.

Pero en que sentido dis que os sorprendestes?

Si, quero dicir que, basicamente, nos tentamos tamén transmitirlles contidos e información. Non nos limitamos a atender e recibir axeitadamente (que tamén o facemos) senón que nos aproveitamos da ansia de saber e explorar que caracteriza a grandes creadores de mundos ficticios coma estes para tentar seducilos e seducilas cos contidos propios da cultura galega. Contámoslles historias, propoñemos temas de debate e mesmo evidenciamos cuestións propias da nosa cultura que mesmo descoñecen. Somos moi pro-activos, como se di agora. En calquera caso, a nosa mellor baza é a grande calidade e alcance dos contidos propios da cultura de Galicia. Con eses bimbios calquera fai un cesto.

Falas sempre en plural cando te refires á organización. De cantas persoas estamos falando?

Pois na organización deste evento traballan catro persoas durante moitas semanas. Aurora Tarrío e Vicente Rodríguez son os responsables da biblioteca pública Municipal de Verín, e a eles compre o mérito de sacar adiante unha actividade de tanta calidade coma esta. Eles tiveron a idea e lle deron forma. Son eles dous os que non botan conta das horas de traballo consumidas nisto, e refírome as que realizan mais aló do horario laboral, actuando como uns voluntarios mais da biblioteca. Compre saber que esta biblioteca é moi especial. En primeiro lugar é, oficialmente, a mellor do Estado; logo de ter acadado o premio do ministerio na súa categoría. O amplo abano de actividades -como o club de lectura e outras-  que desenvolve e a intensidade do seu ritmo ó longo do ano é moi difícil de acadar. Logo estamos as persoas que, como usuarios, colaboramos no programa desas actividades e que formamos unha nutrida “orbita” de voluntariado. Comezando pola xente mais nova, os e as verdadeiras protagonistas da Biblioteca e base á que está principalmente dirixido todo o demais. O proxecto de animación á lectura é a gran liña de traballo desta institución. Nesa esfera andamos un pouco mais pola cociña Noa González Sousa e mais eu. Ela é unha gran coñecedora do panorama literario e, entre outras cousas, no relacionado ca literatura dirixe o blog http://leyendoenmirincon.blogspot.com/. Isto dalle unha perspectiva moi boa do panorama xeral deste xénero. Eu fago recados, atendo algúns correos e logo fago algo de enlace entre os e as participantes.

Miguel Losada co escritor Javier Sierra e a súa muller no Castelo de Monterrei

Como xurdiu esta idea?

Pois esa resposta é clara. Cando a gran escritora vasca Toti Martínez de Lezea participou nunha actividade anterior na biblioteca, dende esta propúxoselle continuar a relación establecida e ela, con gran xenerosidade, xa que implica realizar xestións e “poñer a cara” pola Biblioteca, encargouse de botar a andar este e outros proxectos. Menos mal que a Toti, ademais de gran escritora, tradutora, creadora de contidos televisivos e moitas mais cousas, é unha forza da natureza! A partires de aí a tarefa do catedrático e autor José Luis Corral, sumada ó esforzo de Toti e do persoal da biblioteca fixo o resto.

E cales son as perspectivas para esta edición de 2019?

O cartel deste ano é tan interesante como o do ano pasado, e iso tampouco é doado. Agardamos que a resposta do público sexa algo meirande tendo en conta que o evento é algo mais coñecido. Queremos axudar a proxectar a cultura de Galicia mais aló do seu espazo vital; que sexa tamén un referente para outras perspectivas que axuden a afianzala como referente a gran escala. Esta e outras sociedades ven con naturalidade consumir produtos culturais que non deixan de ser desenvolvementos de contidos tradicionais ou non doutros contextos, como o anglosaxón e outros. En certo sentido a perspectiva é a da exportación de contidos xa que iso, lamentablemente ou non, fai inzar a demanda e aprecio dos propios contidos.

A que te refires con ese “lamentablemente ou non”?

Si, quero dicir que en Galicia falamos moitas veces dese síndrome que pode ter unha parte da sociedade e que fai que vexamos o propio como algo de pouca importancia ou interese. Pretendemos traballar para demostrar a quen sexa preciso que a cultura galega é monumental, os seus contidos dignos dos mellores desenvolvementos e que a partires deles pódense crear novas realidades e oportunidades. Oportunidades que van dirixidas en última instancia a que se gaste mais cultura galega dentro e fora de Galicia. Nas xornadas do ano pasado temas como o do Santo Graal e outros asuntos tipicamente galegos estiveron presentes. Desta volta teremos os camiños a Galicia, os tesouros míticos e reais e a relación con Roma como algunhas das propostas.

Por último, atréveste a recomendar a lectura dalgunha obra en concreto para ir abrindo boca de cara ó ano próximo?

Uf! Iso é complicado mais como inda ai meses por diante, eu atrévome a recomendar varias. Para comezar unha que grazas o investigador galego Ricardo Polín podemos volver a ler comentada e posta en contexto. Trátase da edición facsímile da obra que escribira Benito Vicetto en 1844 “El caballero verde” ambientada na Galicia baixo medieval, en Castro Verde nada menos. O traballo o de Polín analiza maxistralmente o contexto desa novela e do seu autor e, no mesmo volume, inclúe a novela do ferrolán. Tamén recomendo ler unha das miñas favoritas: No ano do Cometa do gran Xoan Bernárdez Vilar. Nesta, pararse a visualizar unha das mellores personaxes de novela cas que teño tropezado, o Cabalo negro do rei Guillerme. E como en Galicia moitas cousas son triplas, a terceira sería A cruz de Cinza de Fran Zabaleta. Unha excelente reflexión sobre o binomio cultura e ideoloxía.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

1 Resposta

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: