fbpx
Mámoa atopada a case 1.000 metros en Becerreá, nos Ancares / Xabier Moure

Localizadas dúas mámoas a case 1.000 metros nos Ancares

Tempo de lectura: 2 min.

O día 6 de outubro de 2018, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron dúas novas mámoas no concello de Becerreá. Foi no Monte do Marco, parroquia de Fontarón, a 965 metros de altitude sobre o nivel do mar. As mámoas sitúanse a unha distancia de 225 metros.

A primeira mámoa ten unhas medidas de 12 metros de diámetro e unha altura de un metro. Sobre o túmulo vense unhas grandes pedras que poderían formar parte da cámara megalítica (dolmen). Foi afectada polas repoboacións forestais con piñeiros que se efectuaron no lugar nos anos setenta do pasado século, perdendo boa parte da masa tumular.

A segunda mámoa é de considerables dimensións, unha das máis grandes aparecidas ata o momento no concello. Ten un diámetro de 21 metros e unha altura de 1,50 metros. Aínda que sobre ela ten plantados uns vinte piñeiros, apréciase perfectamente. Sobre o túmulo vese gran cantidade de pedras de cuarzo e lousa que sen dúbida formarían parte da coiraza pétrea (a coiraza é unha estrutura en pedra que envolvía a mámoa, tanto para protexela da erosión como para facela visible na paisaxe).

Túmulo funerario descuberto por Patrimonio dos Ancares en Becerreá / Xabier Moure

Mámoas violadas

As dúas mámoas presentan cráter de violación duns 2 metros cada unha. Estes cráteres ou conos facíanse no centro da mámoa para acceder ao interior para buscar os tesouros cos que supostamente enterraban aos mortos.

Con estas dúas novas descubertas, o concello de Becerreá conta con 11 enterramentos do Neolítico, período da prehistoria que se desenvolveu en Galicia entre o 5000 e o 2500 antes de Cristo.

Nos seis concellos comarca dos Ancares lévanse documentado preto de 80 mámoas, sendo o de Navia de Suarna, con 42, quen posúe un número maior. Séguenlle a moita distancia os de Becerreá e Cervantes. Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...