Castro de Saceda, en Cualedro / https://castrosaceda.wordpress.com/

Novos enigmas no Castro de Saceda tras os últimos descubrimentos

O Castro de Saceda, en Cualedro, non para de dar sopresesas. A última fóra do propio castro. Trátase de estruturas e cabanas atopadas fóra da muralla do castro o que abre un novo campo de traballo e obrigará a reordenar os usos da contorna do poboado para garantir a súa conservación.

Foi Antonio R. Colmenero quen dende hai tempo apuntou a posibilidade de que fóra das murallas do Castro da Saceda existiran construcións. Unha hipótese que os arqueólogos confirmaron este ano ao descubrir dúas cabanas circulares de grande diámetro, superior a calquera do interior do recinto fortificado. “O seu grande tamaño e a existencia da única lareira lítica conservada apunta claramente a que estamos perante un lugar de habitación”, apuntan os investigadores.

“Haberá que seguir investigando pero todo apunta a que estamos perante ao verdadeiro poboado. Todas as previsións que tiñamos agora saltan polos aires. Estamos en contacto con investigadores portugueses e da meseta que nos confirman que noutros castros da súa zona tamén sucede a mesma secuencia e están convencidos que descubriremos máis estruturas e incluso algo que levamos tempo buscando, fornos para forxa e fundición metalúrxica”, apuntan nun comunicado.

Cabana atopada no exterior das murallas do castro de Sacedo / remitida

Actuacións

Nas últimas semanas o único castro declarado Ben de Interese Cultural da Provincia de Ourense, por Decreto 58/2011, foi motivo de intervención por parte de arqueólogos e restauradores. O obxectivo fundamental dos seus traballos era acondicionar o lugar co fin de facelo máis accesible e didáctico.

As actuacións de restauración de cabanas e murallas milenarias, xunto co deseño dun itinerario guiado, estiveron acompañadas da instalación de abundante cartelería informativa e interpretativa. Tamén se realizaron varias sondaxes arqueolóxicas co fin de drenar as augas do recinto e que as choivas do inverno non puxeran en risco a conservación das estruturas. A execución destas escavacións permitiríalle aos investigadores confirmar varias hipóteses:

“Decidimos facer esa drenaxe na famosa Porta Ciclópea. Optamos por ese lugar porque a escavación arqueolóxica ía permitirnos identificar a muralla máis antiga do poboado e confirmar os dous momentos de ocupación do castro que xa temos datados por Carbono 14 noutros sectores”, suliña Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo e director do proxecto. Deste xeito, pódese afirmar que o recinto fortificado ten unha antigüidade próxima aos 2500 anos e que un grande incendio obrigou aos seus habitantes a reconstruílo case na súa totalidade.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: