fbpx
O sol nos equinoccios emerxe polo cumio do máxico Monte de San Cibrán; dirixindo os seus raios, exactamente, a través das minúsculas xanelas da capela do Mosteiro de Celanova / Lidia Mariño

Os misterios do culto ao sol en Galicia

Tempo de lectura: 6 min.

Unha aventura que comeza ás 5 da mañá é sempre unha boa aventura. Non porque exista unha máxica fada nesa intempestiva hora senón porque cando un, por vontade propia, está xa na rúa daquel tempo, é porque ten pensado facer algo moi interesante, emocionante ou ámbalas dúas cousas. Así foi como comezou a nosa xornada para asistir ó fenómeno solar da capela de San Miguel, no Mosteiro de Celanova. Consiste este en que, na saída do sol dos equinoccios, o astro rei emerxe polo cumio do máxico Monte de San Cibrán; dirixindo os seus raios, exactamente, a través das minúsculas xanelas da dita capela. O evento non defraudou, mais aínda cando a Deusa quixo poñerse do noso lado agasallándonos cun amencer sen nubes ou brétema algunha. Fascinante de contemplar, o efecto óptico foi moito máis do que agardabamos, pois semellaba que a capela se atopaba en chamas, ou mesmo que o sol emerxía de dentro dela e non a través como realmente era.

 

A propia advocación da capela –San Miguel, 29 de setembro– semella ter unha relevancia importante no fenómeno solar. En primeiro lugar, porque a data parece querer cristianizar o equinoccio no que acudimos ata o lugar, o de outono. Relevante tamén o feito de que, segundo a haxiografía, San Miguel derrotase ó dragón precisamente cunha espada flamíxera que nos lembraba ós raios de sol que saían da fiestra.

Tamén a arquitectura do lugar seguía a falarnos de simboloxía solar. No interior da capela, imposible non alzar a vista cara a clave de bóveda que lucía unha fermosa hexapétala. A xanela por onde entraba o sol tamén tiña unha curiosa forma que facía que o sol se proxectase na pareda oposta conformando a silueta dunha vela.

Pero o mais interesante estaba nos canzorros, decorados estes cunha curiosa mestura de hexapétalas e unha sorte de lauburos que se ían alternando, de tal xeito, que creaban unha harmoniosa sensación de movemento. Quizais pretendesen reflexar o propio movemento do sol polo ceo, ou o paso das estacións, o paso do tempo…

IMG_4035

Existe detrás da capela un penedo que tamén da que pensar. O feito de que siga aí, no medio da explanada, e de que se atope xusto detrás da capela, suxire que puidese ter algunha posible función precristiá no lugar, así como a pía que o coroa semella que podería ter existido antes de ser esta modificada para poñer enriba un cruceiro. O propio feito de colocarlle enriba este símbolo, estaríanos a indicar unha posible cristianización, como ocorre en tantos penedos de curiosa forma da nosa xeografía. Sen embargo, ó ter sido a rocha tan modificada, incluso labrando unhas escaleiras nela para acceder a unha mesa de pedra posta enriba, dificúltanos afondar mais nesta idea.

Unha das implicacións mais importantes desta capela é que o sol saia nesta sinalada data precisamente por enriba do Monte de San Cibrán, véndose un anaco do mesmo a través da fiestra equinoccial. Trátase este dun lugar cheo de reminiscencias pagás, que non podiamos deixar de visitar, mais cando a propia lenda une ámbolos dous lugares. Conta esta que San Rosendo subiu ó monte e, dende alí, lanzou un seixo –pedra simbólica onde as haxa–, onde este caeu fundouse o Mosteiro de Celanova. Non semella casual que a Igrexa quixese contar unha historia que vinculase ámbolos dous lugares, xa de por si unidos polo devandito efecto solar.

No alto do monte atopamos unha sinxela capela de orixe mozárabe, malia que so conserva dese estilo unha fermosa dobre ventá.

IMG_E4061

Comezamos a albiscar as resonancias míticas do lugar ó saber que no seu altar se levaba a cabo o rito para curar ós meniños do tangaraño, facéndoos pasar tres veces baixo este. Tendo en conta que esta enfermidade se curaba en moitos lugares pasando ó rapaz baixo un carballo furado, un penedo de curiosa forma ou calquera outro arco de orixe natural, podemos imaxinar que este rito xa se levaba a cabo moitos anos antes de que a capela existise no lugar, e que o cristianismo o reconverteu facendo que a máxica pedra que o curase fose o mesmo altar. A este respecto, cabe sinalar que algunhas testemuñas falan dunha pedra especial que había na capela para facer o rito.

Mais sinais apuntan nesta dirección dun antigo lugar de culto precristiá. A primeira, a existencia de varias mámoas –catro ou cinco, segundo os autores– ó redor da capela, o que nos indica que o lugar foi elixido xa miles de anos atrás como lugar de enterramento dos defuntos, o que lle confire un carácter de especial e sagrado. Tamén atopamos marcos con cruces de termo que marcan o límite entre catro concellos: A Bola, Allariz, A Merca e Rairiz de Veiga. Aínda que este dato non demostre nada por si mesmo, si que hai una pauta que se repite e é considerar os lugares sagrados como límites entre diferentes tipos de territorios; véxase o Monte da Peneda que divide os concellos de Soutomaior e Redondela. Por último, destacar a presenza dunha pedrafita no lugar, cun curioso oco ou rebaixe nunha das súas caras que non sabemos se pode ser ou non natural. Atópase esta a día de hoxe nunha explanada que, precisamente, semella idónea como ágora ou lugar de agregación, un espazo necesario se como dicimos se trataba este dun santuario precristiá.

OQGD2028

Outro dato que nos sinala a importancia de cristianizar o lugar, é a existencia dun pequeno camposanto xunto á capela. Segundo a tradición, nel están enterrado os dous eremitas que fundaron a capela –malia que outras versións apuntan a que foi o propio San Rosendo quen o fixo–, chamándose un deles Cibrán.

O eremita Cibrán funda a capela de San Cibrán, sendo este ademais un santo que foi meigo antes que santo e, que nos lugares onde se venera, adóitanse facer antigos cultos esconxuradores do mal, do meigallo e do citado aquí tangaraño. É posible, quizais, que antigamente a historia transmitida pola Igrexa ó pobo fose que aquí estivese enterrado o mesmísimo San Cibrán e que el en persoa fundase a capela. De ser así, non nos caberían dúbidas do carácter sagrado do lugar en tempos antigos, que faría preciso trocalo en cristián colocando nel a tumba nin mais ni menos que dun santo. E non dun santo calquera, senón do meigo por excelencia, aquel que a Igrexa utilizaría para seguir dando cabida ós múltiples ritos e feitizos que se seguían a practica na nosa terra, aqueles tan fondamente arraigados no noso inconsciente colectivo, na nosa identidade como pobo, que non era posible desterrar polo que só quedaba “reconducilos”. En palabras do propio Papa Gregorio Magno a conto das nosas tradicións pagás: “Trasladarlos al día de las fiestas de los santos mártires, con el fin de que, consintiendo algunas groserías, alegrías de la idolatría, se predispongan más fácilmente a acoger las costumbres espirituales de la fe cristiana”. Ante estas palabras, pouco máis hai que dicir sobre o razoable que resulta pensar que este sexa un lugar antigo de culto reconvertido ó cristianismo baixo a advocación do mago San Cibrán.

IMG_E4065

Seguimos a visitar lugares con reminiscencias pagás, lugares nos que a tradición católica se mestura con outra mais antiga, máis atávica, que se perde na noite dos tempos. Non alcanzamos a descifrala de todo, non podemos atrapala coas mans senón que, como o velo dunha etérea dama que se aparece na noite, nos deixa coa sensación na punta dos dedos de que case a tocamos. Case, case… mais xusto nese intre, esvaécese. Seguiremos persistindo, seguiremos recorrendo a nosa xeografía en busca deses lugares onde a antiga maxia aínda non desapareceu e aínda latexa. Seguiremos xuntando pezas dese crebacabezas ata que, un día, teñamos as suficientes como para que o debuxo que representa nos sexa ó fin revelado. Tirado de: https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

BIBLIOGRAFÍA:

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...