fbpx
Patrimonio abandonado na Fonsagrada / M. Miranda

Os segredos dunha zona illada da Fonsagrada á que aínda non chegou a modernidade

Tempo de lectura: 2 min.

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, volve guiar unha nova andaina do proxecto Rutas de Historia. Será este sábado por un fermoso camiño que trasladará aos visitantes á Idade do Ferro de antes, e a idade do ferro de agora. Unha camiñada chea de segredos, por paraxes case virxes e nos que tamén se visitará unha antiga estrada que se comezou na República e que nunca máis se acabou. As persoas interesadas aínda están a tempo de apuntarse aquí neste fantástico roteiro.

Serás o guía dunha ruta na que o ferro é o protagonista, e iso?
Si, o ferro estará sempre presente nesta ruta así como os dramas e as alegrías que se viviron nesta terra.

Podemos dicir que podemos facer unha viaxe no tempo desde a Idade do Ferro ata a actualidade?
Efectivamente. Veremos as pegadas que o tempo deixou nunha zona que quedou illada e na que, case podemos dicir, que aínda non chegou a actualidade.

Outro dos elementos destacados da andaina é a Carretera da República… O nome tan suxerente que ten indica o que parece indicar?
Si, é unha estrada que comezou a construírse na República e que quedou truncada, como a República, co golpe militar e o triunfo do fascismo.

Vella estrada da República, na Fonsagrada / M. Miranda

Ademais de prehistoria e de minaría, que máis nos deparará esta ruta?
Paisaxe. Unha paisaxe dura e fermosa; e un clima e unha vexetación mediterráneas.

É a segunda vez que Rutas de Historia vai á Fonsagrada. O ano pasado foron á sauna castrexa do Castro do Castañoso e agora a ruta do ferro… Que outras historias oculta este gran concello?
A Fonsagrada é inmensa e encerra moitos mundos distintos. Son moitas e interesantes as historias que a xente pode descubrir e gozar, entre elas as que se viven arredor dun bo xantar. A Fonsagrada é un importante destino turístico gastronómico.

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Fonsagrada

Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Fonsagrada

Unha das actividades principais das montañas lucenses era, e aínda é, a minaría. Por que é tan rica esta zona?
Na actualidade só se extrae pizarra, pero ao longo da historia na Fonsagrada tense extraído de todo. De feito hai abundantes galerías por todo o concello. Eu sempre conto o que me dicía Manuel da Casa da Cal: “hai unha cova en Vilaframil e sal en Ribadeo”; isto por moi estraño que pareza, era totalmente certo, como explicarei no roteiro.

De feito moitos dos castros e asentamentos romanos coñecidos teñen que ver con esta actividade, non?
Cando ves os grandes movementos de terra que se teñen feito, pregúntaste canta xente foi necesaria para facelos; seguro que tivo que ser moita e loxicamente esa xente habitaba os castros que se atopaban nos arredores das minas.

Algún consello para este sábado?
Coma sempre, bo calzado, auga e moitas ganas de disfrutar.

Pode que che interese...