fbpx
A derradeira lección do mestre, Castelao 1945

Que foi o que pintou Castelao: o horror do fascismo ou unha homenaxe á educación?

Tempo de lectura: 3 min.

Corría o inverno de 1937, cando os horrores do golpe de estado e da brutal represión xa estaban na mente dos principais artistas galegos e españois. Daquela Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pintara o álbum Galicia Mártir, composto por 10 estampas debuxadas a tinta chinesa e que relataban en dez imaxes cun breve título en galego manuscrito o horror do golpe. Unha delas, a número 6, “A derradeira lección do mestre” acadou unha popularidade superior converténdose na imaxe icónica daquel álbum, publicado en Valencia en febreiro daquel 1937, e do sufrimento da represión franquista en Galicia.

Na estampa retrátase a un mestre asasinado no chan ante dous mozos conmocionados. Como tantas o álbum era unha publicación de resistencia que trataba de amosarlle ó mundo os horrores do que en España e, neste caso, en Galicia estaba a acontecer. Tempo despois, en 1945, no exilio, en Bos Aires, Castelao decide levala ó gran formato e converter a estampa nun cadro. Non en van pasara xa camiño dunha década dende 1936 e a situación en España non mudara en absoluto. Segundo os expertos, o cadro fíxose como unha homenaxe ó seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

Polémica polo seu significado

Pero, a pesar do seu significado simbólico e histórico, a súa recente chegada a Galicia non estivo exenta de Polémica. Durante a presentación da obra, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evitou falar da represión ou do terror fascista que representa a obra, para suliñar que se trouxo a Galicia “como unha homenaxe á educación a través dos ollos e dos trazos de Castelao”.

“É unha gran obra cargada de simbolismo, como defensa da educación contra o fanatismo, que nos lembra que un ensino en liberdade é o medio para a promoción dos valores democráticos de Castelao“, apuntou.

De feito, Feijóo mesmo evitou relacionar a obra coa Guerra Civil Española. “Cando pintou esta obra, nas guerras europeas, en 1945, xa que é posterior á Guerra Civil Española, a Galicia que el quería só se podía soñar. Por fortuna, desde entón, o pobo galego alcanzou o autoboerno que hoxe gozamos. Na miña opinión somos a Galicia que soñaba”, engadiu. As súas reflexións foron duramente criticadas polos partidos da oposición e amplamente discutidas nas redes sociais, onde se converteron en tema viral en Galicia.

Castelao Maxistral

O certo é que a obra que custodia o Centro Galicia de Bos Aires nunca antes saíra daquel país. Agora, máis 70 anos despois da súa creación e máis de 80 da creación do álbum, o cadro poderá verse por primeira vez en Galicia na exposición Castelao Maxistral da Cidade da Cultura. A exposicición, comisariada por Miguel Anxo Seixas e dedicada a homenaxear o papel de Castelao como mestre, a ensinanza, a loita pola liberdade e a Galicia da Emigración, poderá verse no Museo do Gaiás dende este venres ata o vindeiro día 3 de marzo.

A cesión da peza é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura da Xunta, e o Centro Galicia de Bos Aires, quenes asinaron o pasado febreiro un convenio, nun encontro no que participaron conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, José Vila, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e o responsable do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. A obra que viaxou por aire ata Madrid e foi trasladado por estrada até Santiago a pasada fin de semana, xa se atopa nos almacéns do complexo galego.

Sinatura do convenio de cesión da pintura / foto Galicia Confidencial

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...