Unha partitura de Paz Carbajal / foto patrimoniomusical.com

Quen compuxo realmente o himno galego?

Foi a finais do século XIX, en 1894, cando o cabido da catedral compostelá elixía un novo organista. Era pontevedrés, unha das grandes figuras musicais da segunda metade do século XIX, Felipe Paz Carbajal, pero tamén unha das personalidades musicais máis escasamente lembradas de Galicia. Paz Carbajal foi organista, pianista, frautista, compositor, director de bandas de música, coros, orfeóns e mestre. Foi compositor de máis de cen obras de música relixiosa, mais tamén composicións para bandas militares e músicas populares como pasodobres. Tamén, e por incrible que pareza, unha versión candidata a ser o himno galego.

Nado en Pontevedra en 1850, Felipe Paz formouse cos mestres Carnicer e Castro y Licer, entre outros. Con 18 anos, en 1868, xa fora nomeado director da banda do hospicio da cidade, e ós 28 xa fundara a súa propia banda, a Banda Popular Pontevedra. Cinco anos despois, en 1883, fundaría o orfeón da cidade. En 1890 trasladaríase a Noia adicándose a un senfín de actividades, entre elas a dirección da banda musical da vila, a de Vilagarcía de Arousa, a de Trabanca e a de Ponteareas, entre outras. Nesta etapa foi mestre, compositor, e un dos mellores intérpretes musicais do momento.

Foi no ano 1879 cando Paz Carbajal, xunto co xornalista e médico Andrés Murais, facían a composición dun Himno a Galicia. Foi un dos varios compostos nesta época antes de popularizarse o himno de Pascual Veiga e Eduardo Pondal que se presentaría en maio de 1890. Outros foron os de Varela Silvari e Galo Salinas chamado Himno popular rexional ou o de Luis Taibo García e Alfredo Brañas, nomeado Casta dos Celtas. O himno de Paz Carbajal e Andrés Murais non se popularizaría pero é testemuña dunha época na que Galicia, igual que case todos os recunchos de Europa, estaba a buscar a súa propia identidade, tamén nos símbolos musicais.

Felipe Paz Carbajal morrería na vila de Noia en novembro de 1918, ós 68 anos de idade, deixando tras de si unha enorme pegada musical, con composicións que aínda a día de hoxe son tocadas popularmente nas bandas de música galegas. Deixou tamén unha grande pegada en moitas vilas de Galicia que gracias a intervención do compositor crearon orfeóns ou conxuntos musicais. Unha delas, a vila de Rianxo, co gallo do centenario da súa morte, organizará durante o vindeiro mes varias actividades para renderlle a máis que merecida homenaxe.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: