Recreación dunha salina en época romana / proyectoloreto.com

Sabes cal foi o outro “ouro” que os romanos viñeron buscar á Gallaecia?

As investigacións nas Salinas do Seixal e Camposancos, na Guarda, están sacando a luz importantes informacións. A última novidade é a constatación de que estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, e que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular, emprazadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos.

Salinas da Guarda/ Concello da Guarda

Segundo informa Xornal de Vigo, estes avances, a piques de pechar xa a primeira parte deste proxecto, poñen de manifesto a importancia e relevancia da Gallaecia para a produción de sal en época romana. Os investigadores que coordinan o proxecto consideran que este sal estaría destinado á produción de salgadura de peixe, unha industria que xa no tempo de Roma parece ter unha gran importancia nas costas do noroeste da Península Ibérica.

Un gran complexo salineiro

O grupo de traballo do proxecto «A Guarda, Mar de Sal», encabezado por Brais Currás, (investigador da Universidade de Coimbra e do CSIC) e Mar Cortegoso, directora das escavacións, destacan que as estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.

Salinas romanas do Areal musealizadas / xunta.gal

Durante o transcurso destas escavacións, e tal e como avanzou Mar Cortegoso, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época Romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía. Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo. Ademais, confirmouse que a liña do mar naquela época era máis baixa. Máis información en XdV.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: