Fonte monumental achada por Chamoso Lamas / foto cedida por AXA Arqueoloxía

Un equipo de arqueólogos tratará de localizar en Muxía unha antiga vila romana e un cemiterio suevo

O antigo mosteiro de San Xián de Moraime no concello de Muxía, segue a ser un dos lugares máis ricos para a historia, a arte e a arqueoloxía de Galicia. Se na pasada primavera o mosteiro era noticia pola restauración dos seus frescos renacentistas, dos mellor conservados e máis interesantes do noso territorio, agora será obxecto dunha excepcional campaña de sondaxes arqueolóxicos que tratarán acceder ós restos medievais e romanos achados en 1972 polo historiador Manuel Chamoso Lamas.

E é que este luns comezaron os traballos para avaliar o estado de conservación do xacemento do antigo mosteiro de San Xián. As obras son dunha especial relevancia pois dende 1976 non hai información sobre este xacemento. Foi no ano 1972 cando Chamoso fixo unha das escavacións máis importantes da Costa da Morte, atopándose nela restos do antigo mosteiro medieval e do que moi probablemente foran os restos dunha antiga vila romana. Dende aquela as escavacións ficaron practicamente no esquecemento.

Agora, o que levará adiante o equipo de AXA Arqueoloxía, serán sondaxes para a avaliar o estado de conservación dos restos arqueolóxicos descubertos no ano 1972 e a súa situación en relación á topografía actual. As sondaxes estarán en relación a unha futura campaña arqueolóxica e a redacción dun proxecto de escavación e posta en valor do xacemento. A superficie obxecto das sondaxes será duns 64 metros cadrados e as obras, que comezaron onte luns, levaranse a diante ó longo de 22 días. A intervención está financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Restos medievais, un enterramento suevo e un hipocausto romano 

E é que os datos dos que hoxe dispoñemos sobre o xacemento son tan so os publicados polo historiador naquel ano 1976 no Noticiario Arqueolóxico Hispano, e unhas poucas investigacións teóricas posteriores fundamentadas neles. Algúns dos restos documentados foron identificados co antigo mosteiro medieval, xa que era habitual que os conxuntos monacais adicados a residencia estiveran situadas ó sur das igrexas, lugar da actual intervención.

Mais non é nin moito menos o único achado. Segundo o publicado por Chamoso, no lugar aparecerían tamén enterramentos da época xermánica, en concreto oito tumbas destoutro momento da nosa historia. Consérvanse debuxadas no plano da escavación de 1972, orientadas en sentido oeste-leste coa lenda“tumbas sen abrir”. Tamén se documentaron os restos dunha posible vila romana, no que se identificou cunha canalización pétrea que comunicaría cunha “fonte monumental”. Preto dela os restos dun hipocausto, ou sistema de calefactación termal do chan, localizados na parte oeste da escavación, ó sur do actual pombal situado xunto á casa reitoral.

É por isto que o equipo prevé varias zonas de intervención diferenciadas, catro dunha superficie total de 56 metros cadrados na zona escavada en 1972, e dúas de 8 máis no límite exterior desta. Das primeiras, unha abranguería a zona onde se localiza a fonte, lugar que se atopa aínda parcialmente ó descuberto, outra na zona do plano onde se indica que hai tumbas sen abrir. Unha terceira sería a zona do hipocausto, e a cuarta na zona intermedia onde foron localizadas diversos muros e enterramentos suevos. As dúas restantes serán nunha zona non escavada, no linde da mesma.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: