León do parque do Pasatempo de Betanzos / Salvemos o pasatempo

Un novo acto vandálico no Pasatempo de Betanzos, o parque de atraccións máis antigo do mundo

Que as xentes de Betanzos coñeceran o mundo. Esta era o principal obxectivo dos Irmáns Naveira cando entre 1893 e 1914 construían o parque do Pasatempo. Flora, fauna, paisaxes de todo o mundo enchían a decoración do parque amosándolle ás xentes do lugar outros recunchos do que, para case todos daquela, era descoñecido. A estrela de entre as esculturas e relevos do parque, ou cando menos de entre o que hoxe conservamos del, é a escultura en formigón dun enorme león macho que dende a plataforma máis elevada do parque miraba cara o centro da vila.

Pois foi a semana pasada cando saltaba as redes sociais a imaxe do último acto vandálico no parque. Último porque xa son varias as barbaridades cometidas neste interesante ben patrimonial das que se ten feito xa eco HdG. E é que, como xa tristemente adoita acontecer, o león unha vez máis apareceu enchido de pintadas. Porén esta vez o xa habitual acto vandálico contra o león chegou un pouco máis alá, xa que, por unha banda, as pintadas foron dun tamaño bastante considerable, enchendo todo o lateral inferior do animal, xenitais e ventre, por outra tiveron un carácter estético moito máis pronunciado. Ó parecer ós vándalos non lle gustaba a estética sobria do animal co que decidiron pintarlle todas as unllas das garras a dúas cores, coma se estivera baixo a influencia das modas estéticas do momento actual.

Unha vez máis o atentado contra o parque foi recollido polas Asociación de Amigas/os do Parque do Pasatempo na súa web e na súa páxina de Facebook. A asociación leva tempo pedindo a rehabilitación e posta en valor do parque, especialmente dende xaneiro de 2017 cando por mor dun temporal, mais sobre todo pola falta de mantemento do monumento, un dos muros da súa plataforma inferior derrubouse. Dende aquela e a pesares do respaldo social do seu traballo non se conseguiu aínda a intervención no que para moitos está considerado o primeiro parque enciclopédico de Europa.

Estanque do Retiro, no Parque do Pasatempo de Betanzos / Wikimedia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 26 Outubro 2018

    […] características en Europa, segue morrendo paseniñamente sen que se faga nada. Hai uns días era unha agresión en forma de pintada ao famoso león que hai no seu interior e este xoves dábase conta da caída de parte do Templete do Estanque. Un […]

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: